A segunda edición do Ribadeo Ilustrado desenvolverase do 10 ao 12 de xuño
Foi presentada a segunda edición do Ribadeo Ilustrado, que se desenvolverá do 10 ao 12 de xuño e que estará centrada na figura de Antonio Raimundo Ibáñez. A programación inclúe un ciclo de conferencias, representacións teatrais, demostracións de oficios tradicionais, actuacións musicais e actividades para os máis pequenos.
Trátase dun proxecto pensado para dar a coñecer ao conxunto da cidadanía ribadense e aos visitantes a importancia dunha época histórica na que tiveron lugar unha serie de acontecementos ao longo dos séculos XVIII e XIX que mudaron o ritmo económico da vila e cambiaron a súa fisionomía urbana, e tamén a nosa sociedade.
O que se pretende con esta iniciativa é amosar que Ribadeo era e é terra de mariños, pero tamén de mariñeiros, de xentes do mar, e que conta con moitas particularidades que o fan totalmente diferente. Explícase o que se comercializaba na época, qué embarcacións se empregaban e o modo de vida en terra dos mariñeiros e comerciantes, o seu pasado, a súa linguaxe, etc.
Nesta segunda edición, a figura de Antonio Raimundo Ibáñez, personaxe fundamental neste período histórico, será o protagonista indiscutible. Coñecerase máis da súa vida persoal e profesional, da sociedade na que viviu, da contorna na que medrou, do seu legado, etc. Forman parte do programa de actividades un ciclo de conferencias coa participación de Pegerto Saavedra, especialista na figura de Ibáñez, Francisco Fra, carpinteiro de ribeira e Iker Nogales Astudillo, director do Museo Casa Natal Marqués de Sargadelos, haberá representacións teatrais a cargo de Suso Martínez e Os Quinquilláns, e demostración de oficios tradicionais relacionados coas xentes do mar en diferentes ubicacións do casco histórico de Ribadeo ademais de actividades para os máis pequenos e actuacións musicais pola rúa.