A segunda das Rutas de Artesanía estivo en Mondoñedo

AMariñaXa
As Rutas de Artesanía organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña continuaron en Mondoñedo, despois de empezar onte na Pontenova.
Rutas de Artesania a marina 1
31 Out 2021

As Rutas de Artesanía organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña continuaron en Mondoñedo, despois de empezar onte na Pontenova.

“Con visitas ao obradoiro de monicreques de Ton Arenas e ao obradoiro de procesado de La Botica del Abuelo ponse en valor o saber facer, o patrimonio inmaterial que constitúen os oficios tradicionais e que son un referente na nosa comarca”, explicou o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, quen destaca que “promocionar a través do turismo o coñecemento e a tradición dos oficios artesáns é a nosa contribución a que sigan vivos e non se perdan. Hai que destacar a boa acollida e a satisfacción que nos trasladan todos os que participan nas xornadas. Hoxe en Mondoñedo puideron descubrir ademais o barrio dos Muíños, un dos máis senlleiros, e coñecer a tradición cunqueiriana a través da audioguía Mondoñedo e Familia, que tamén elaborou a Mancomunidade”. 

Fran Cajoto engadiu que “a antiga cidade de Mondoñedo ten moito que ofrecer e o traballo de promoción de toda a Mariña unida resulta unha fórmula de éxito, labor que se vai poder potenciar e dar un salto máis que significativo en canto comece a desenvolverse o Plan de Sustentabilidade Turística o vindeiro ano 2022”.

A seguinte será o 12 de novembro coas redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito.

O día 13 as Xornadas de Portas Abertas chegarán a Cervo coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e ao Museo Provincial do Mar.

As xornadas rematarán o 14 de novembro en Foz coa visita ao artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro e ao seu espectacular xardín botánico, un percorrido pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo ou pola fervenza de Santo Estevo do Ermo en Barreiros no caso de que non sexa posible a visita á primeira. Todas as visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é guía oficial de Galicia e artesá.

As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e ás propostas complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.

Rutas de Artesania a marina 2
0.20299983024597