A SD Burela fai historia co ascenso a Preferente tras 17 anos de espera

A Sociedade Deportiva Burela selou este domingo unha das páxinas máis brillantes da súa historia recente. Logo de 17 anos, o equipo regresa á Preferente tras impoñerse por 0-1 ao Chantada Atlético no campo de Sangoñedo. O tanto da vitoria chegou no minuto 67 grazas a Mauro Salgueiro, que asinou o gol que certificou o soñado ascenso a falta dunha xornada para rematar a competición.
“Conseguímolo cun grupo humano excepcional”, manifestaron desde o vestiario, nun agradecemento que fixeron extensivo aos xogadores, corpo técnico, canteira, familias, patrocinadores e toda a afección que acompañou ao equipo durante a tempada. “Grazas por confiar neste proxecto; seguimos medrando”, engadiron con emoción.
Desde o Concello de Burela sumáronse á celebración destacando o papel clave da afección: “Un equipo enorme e unha bancada que nunca falla. Grazas por crer, por loitar e por levar o nome de Burela con orgullo. Hoxe celébrase no campo e nos vindeiros días polas rúas”.
O éxito non se limitou só ao primeiro equipo. Os veteranos da SD Burela tamén escribiron a súa propia fazaña proclamándose campións da liga provincial, completando así unha fin de semana inesquecible para o fútbol local.