A Rúa xa se prepara para as Festas da Candelaria 2025

AMariñaXa
Esta parroquia de Cervo vivirá tres días de festas e verbena con orquestras como a París de Noia
candelaria
31 Dec 2024

A parroquia da Rúa, no Concello de Cervo, acollerá as tradicionais Festas da Candelaria 2025, unha celebración especial que terá lugar entre o 31 de xaneiro e o 2 de febreiro. Durante tres días, a comunidade vivirá intensamente estas festas, que combinan actos relixiosos e eventos culturais en honra á Virxe da Candelaria.

O venres 31 de xaneiro comezará a festa cunha degustación de callos para cear, que dará paso a unha animada verbena nocturna a cargo das recoñecidas formacións París de Noia e La Tremenda, acompañadas pola disco móbil Conxuro, que prolongará a celebración ata ben entrada a noite.

O sábado 1 de febreiro comezará cunha misa solemne ás 12.30 horas, cantada polo coro parroquial, seguida da tradicional procesión en honra á Virxe. Ao mediodía, a sesión vermú estará amenizada pola actuación da orquestra Compostela, que tamén será protagonista na verbena nocturna xunto coa orquestra Metrópolis e unha nova sesión da disco móbil Conxuro.

O domingo 2 de febreiro, día de peche, a misa solemne terá lugar ás 13.00 horas, de novo coa participación do coro parroquial e a procesión correspondente. O broche final chegará coa sesión vermú a cargo do grupo Fénix, que porá o punto e final a estas festas cheas de tradición, música e celebración.

 

0.16303014755249