A Romaría Monte Castelo volverá reunir festa, tradición e gastronomía en Burela do 25 ao 27 de xullo

AMariñaXa
O evento, que se celebra na área recreativa do monte, inclúe pancetada popular, concertos, verbena, xogos infantís e misa con procesión
Burela-presentacion-cartel-romeria-monte-castelo-2025
18 Jul 2025

Burela prepárase para vivir unha nova edición da Romaría do Monte Castelo, que se desenvolverá do venres 25 ao domingo 27 de xullo, nun dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio. A área recreativa do Monte Castelo volverá ser o escenario desta cita festiva que combina música, gastronomía, tradición relixiosa e actividades para todos os públicos.

O inicio das celebracións coincidirá co Día de Galicia, o venres 25, cun dos pratos fortes do programa: a terceira Pancetada Popular, impulsada polo Concello de Burela, o Club Baloncesto Burela e a SD Burela, en colaboración coa organización da romaría. A cita gastronómica dará comezo ás 20:30 horas, con racións de panceta, chourizo, peixe, pan e bebida a un prezo de 10 euros. As entradas anticipadas xa están dispoñibles na Cafetería Vista Alegre e en Beep Informática.

A noite do venres continuará co concerto do grupo De Ninghures, previsto para as 22:30 horas, seguido polas actuacións do Dúo Venus e o DJ Balbi, que porá o broche musical á primeira xornada.

O sábado 26 chegará cunha completa oferta de lecer: sesión vermú a cargo do Grupo Casablanca, xogos infantís organizados pola compañía Gaia e un animado concurso de disfraces. Xa pola noite, a verbena contará novamente coa música en directo do Grupo Casablanca e a sesión do DJ Balbi.

O domingo 27, a dimensión máis tradicional da romaría terá o seu momento co oficio relixioso en honra á Nosa Señora das Marabillas. A misa con procesión celebrarase ás 13:00 horas, e dará paso á sesión vermú amenizada polo Dúo Caché.

Dende o Concello e a organización da romaría agradeceron “profundamente a implicación dos establecementos colaboradores, das entidades e das persoas voluntarias que cada ano fan posible que esta festa se manteña viva, con tanta participación e espírito comunitario”.

⚙ Configurar cookies
0.75780391693115