A romaría de San Caetano estreará a figura do pregoeiro con Emilio López 'Celeirao'

A Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano anunciou que o venres 8 de agosto terá lugar a presentación oficial da súa coñecida romaría e da XXVIII Festa da Tortilla, que cada verán reúne á veciñanza e visitantes. A gran novidade desta edición será a incorporación da figura do pregoeiro, que nesta primeira ocasión recae en Emilio López “Celeirao” (Pousada – Lourenzá, 1973), músico cunha longa traxectoria e coñecedor da celebración, na que participou en diversas ocasións con distintos formatos musicais.
O seu percorrido artístico comezou en 1994 co grupo Skornabois, co que asinou dous traballos discográficos e participou en recompilatorios como Plantate (1999). En 2001 fundou, xunto a Xermán Viluba e Arturo Vaquero, o proxecto Safari Orquestra. Tamén compuxo bandas sonoras para a TVG, como A Biblioteca da Iguana (2005), colaborou en programas como Somos unha Potenzia e foi produtor, letrista e compositor do disco Ben Deitei (2010). Na actualidade combina o seu labor como produtor e DJ coa organización de eventos socioculturais.
Desde a asociación explican que a intención é manter a figura do pregoeiro nos vindeiros anos, designando persoas ligadas á romaría ou á parroquia que poidan aportar coñecementos, lembranzas e visións que enriquezan a historia e a cultura da festa.
O acto de presentación contará tamén coa presenza do deseñador gráfico David Ribas Pena, responsable nos últimos anos da imaxe da romaría, que adoita incorporar ás súas creacións referencias á pintura clásica. “Este ano volverá sorprendernos coa súa proposta”, sinalan desde a organización.
Como remate, os asistentes poderán gozar dun pequeno refrixerio con petiscos e da tradicional “proba” da tortilla, un adianto gastronómico para abrir o apetito de cara á festa grande.