A Ribeira de Foz reclama solucións urxentes polo mal estado da bocana do porto

Foz
AMariñaXa
A asociación pide dragado inmediato e bonificacións nas taxas ao considerar inoperativa a canle de acceso durante a baixamar
FOZ-peirao-Foto-actual-da-canle-de-acceso-o-muelle-pesqueiro-cos-barcos-profesionais-varados-na-espera-da-subida-da-marea-para-atracar
13 Apr 2025

A Asociación Cívico-Cultural A Ribeira de Foz vén de presentar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo para denunciar a situación crítica que vive a bocana do porto focense. Segundo explica a entidade, a falta de calado suficiente na canle de entrada e saída do porto durante as mareas baixas impide o tránsito seguro das embarcacións, tanto profesionais como recreativas.

Desde a asociación cualifican o problema de “grave e persistente”, e sinalan que está a provocar “importantes prexuízos tanto para os usuarios como para a sostibilidade das instalacións portuarias”. Segundo aseguran, a falta de profundidade durante as baixamares limita por completo a operatividade da infraestrutura, xerando riscos tanto materiais como persoais.

A Ribeira de Foz denuncia que esta situación non só vulnera os dereitos dos propietarios e usuarios das embarcacións atracadas, senón que tamén incumpre os principios de equidade e boa xestión que deben rexer o uso dos recursos públicos. A asociación fai referencia expresa á Lei de Taxas Portuarias de 2025, que recolle unha bonificación do 50 % na tarifa X5 para aquelas prazas de atraque que teñan un calado inferior ao metro durante a baixamar viva equinoccial (BMVE).

A entidade argumenta que o caso de Foz debería acollerse tamén a esa rebaixa nas taxas, xa que “a imposibilidade de acceder ou saír do porto en determinadas horas é, na práctica, o mesmo que ter un atraque inutilizable”. “É como pagar o alugueiro dun garaxe e non poder nin entrar nin saír durante varias horas do día porque a porta está pechada”, afirman.

Por todo isto, a asociación solicita á Valedora do Pobo que inste os organismos competentes a actuar de inmediato. En concreto, esixen dúas medidas: a primeira, o dragado urxente da canle de acceso, co obxectivo de garantir o funcionamento do porto durante todo o ciclo de mareas. E a segunda, a aplicación da bonificación do 50 % nas taxas portuarias mentres non se resolva o problema do calado.

A Ribeira de Foz lembra que o porto ten un uso mixto –pesqueiro, náutico e recreativo– e que a situación actual está a frear a súa actividade, tanto económica como social. A asociación advirte que continuará reclamando ata que se tomen medidas efectivas.

⚙ Configurar cookies
0.1691620349884