A Ribeira de Foz celebra a autorización ambiental para o dragado do porto e pide a remodelación de Porto Chico

Foz
AMariñaXa
A asociación destaca a importancia desta actuación para o sector pesqueiro e alerta da urxencia de ampliar as prazas de amarre no porto deportivo
Foz-porto-chico-sen-dragar-2025-2
19 Aug 2025

A Asociación A Ribeira de Foz expresou a súa satisfacción pola Declaración de Impacto Ambiental favorable ao proxecto de dragado do canal de acceso e da dársena pesqueira do porto, así como polo compromiso de mantemento durante os vindeiros catro anos. Desde a entidade lembraron que esta demanda foi compartida coa Confraría de Pescadores e que resultaba imprescindible para garantir a seguridade e a operatividade dunha infraestrutura clave para a vila.

“Levamos máis de tres anos traballando para desbloquear un proxecto urxente e necesario”, explicaron, facendo referencia ás múltiples xestións realizadas ante o MITECO, a Dirección Xeral de Costas e a Xunta de Galicia. Consideran que a autorización ambiental confirma a viabilidade técnica, legal e ecolóxica dunha actuación que supón un paso decisivo cara á modernización portuaria.

Ao mesmo tempo, A Ribeira de Foz alertou sobre a situación límite do porto deportivo Porto Chico, que leva anos ao bordo da súa capacidade e cunha lista de espera que evidencia a falta de amarres. “Estamos a perder oportunidades de crecemento económico e de proxección turística por non poder ofrecer máis prazas”, sinalaron, subliñando a importancia dunha remodelación integral que permita responder á demanda crecente do turismo náutico.

A asociación insiste en que a comarca de A Mariña Lucense se consolidou como destino estratéxico de costa, tanto para visitantes nacionais como internacionais, pero lamentan que as limitacións actuais do porto dificulten ese potencial. Ademais, critican as trabas administrativas que obrigan a dispoñer xa dunha embarcación para poder solicitar unha praza, un requisito que cualifican de “contraditorio e disuasorio”.

Por iso, propoñen que se permita inscribirse como demandante de amarre sen ter embarcación, condicionando a concesión á compra posterior dunha nave no prazo establecido. Tamén elaboraron unha guía práctica dispoñible na súa web e mediante códigos QR colocados nos muelles para facilitar o proceso.

A Ribeira de Foz pediu unha reunión coa nova conselleira de Pesca, Marta Villaverde, e confía en que o seu compromiso quede reflectido nos Orzamentos da Xunta de 2026 cunha partida específica para a remodelación de Porto Chico. “Non se trata só de aumentar prazas, senón de xerar emprego, reforzar o turismo náutico e garantir un futuro sostible para A Mariña”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.20509696006775