A Ribeira de Foz amosa o seu rexeitamento ao novo decreto sobre declaración de capturas na pesca deportiva

A Asociación A Ribeira de Foz fixo pública a súa disconformidade co recente anuncio informativo do Ministerio de Agricultura e Pesca sobre a obrigatoriedade de declarar as capturas na pesca deportiva a través dunha aplicación móbil. Segundo o colectivo, o texto do comunicado “parece impositivo” e non se axusta con claridade á normativa vixente.
A entidade mariñá lembra que, segundo a redacción actual, esta medida aplicaríase unicamente ás augas exteriores, mentres que en augas interiores só sería obrigatorio realizar a declaración cando se pesquen especies sometidas a protección diferenciada. “Haberá que agardar a ver que especies se determinan finalmente como tales”, sinalan.
A Ribeira insiste en que as augas interiores son competencia das comunidades autónomas e que estas “non están obrigadas a aplicar o que dita o Goberno central”. Ademais, consideran que facelo “sería un erro e unha perda de poder lexislativo”. O colectivo cuestiona tamén o fundamento legal da medida, xa que a lexislación europea na que se ampara o ministerio “non obriga en ningún caso aos pescadores deportivos a empregar unha aplicación para declarar capturas”.
A asociación non se opón á declaración obrigatoria de capturas, pero si ao sistema dixital imposto. “Algunhas persoas poderían consideralo unha perda de liberdade e un posible risco para a protección de datos”, explican. Por iso, propoñen garantir alternativas non dixitais para persoas maiores ou colectivos vulnerables, publicar un listado oficial de especies suxeitas a declaración e establecer un período de transición acompañado de programas de alfabetización dixital.
“É triste que as alegacións presentadas por asociacións e afeccionados non foran tidas en conta”, conclúen desde A Ribeira, que lembra que xa remitiron ao ministerio as súas propostas cando o Real Decreto aínda estaba en fase de tramitación.