A ribadense Celia Castro aborda a influencia da fotografía nalgúns pintores do século XIX nunha investigación

AMariñaXa
A tese de doutoramento desenvolvida pola ribadense Celia Castro Fernández baixo a dirección de Carmen Bermejo e Jesús Varela Zapata analiza a importancia da invención da fotografía e a súa repercusión na obra de Dioniso Fierros e Federico de Madrazo, entre outros autores da pintura moderna española.
Celia Castro doutorado
19 Nov 2023

A tese de doutoramento desenvolvida pola ribadense Celia Castro Fernández baixo a dirección de Carmen Bermejo e Jesús Varela Zapata analiza a importancia da invención da fotografía e a súa repercusión na obra de Dioniso Fierros e Federico de Madrazo, entre outros autores da pintura moderna española.

A influencia e as repercusións que tivo a invención da fotografía noutras manifestacións artísticas, tal e como é a pintura, centra a investigación de doutoramento que acaba de presentar a catedrática de Historia da Arte na Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo Celia Castro Fernández na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo baixo o título ‘A influencia da fotografía nalgúns pintores do século XIX: O círculo de Federico Madrazo’.

A investigación, impulsada pola tamén catedrática de Historia da Arte na USC Ana Goy Diz e co dirixida, tralo seu pasamento, por Carmen Bermejo Lorenzo, da Universidade de Oviedo, e Jesús Varela Zapata, da USC, aborda desde unha perspectiva comparativista e seguindo a metodoloxía dos Estudos Culturais, a importancia da invención da fotografía e os efectos que provocou a aparición desta na pintura española moderna.

Castro Fernández afonda nas súas pescudas no estudo e na análise da obra pictórica de diversos autores, entre os que se atopan o tamén ribadense Dionisio Fierros e Federico de Madrazo, ademais de mergullarse na obra de diversos fotógrafos madrileños do século XIX.

Unha das múltiples contribucións que achega a investigación de doutoramento desenvolvida por Celia Castro Fernández atinxe á recuperación e á análise de material até o momento inédito, tal como corresponde ás chamadas ‘cartes de visite’ (tarxetas de visita), procedentes ou pertencentes a diversos coleccionistas privados.

Os membros do tribunal acordaron por unanimidade outorgar a esta tese a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

0.18902492523193