A rehabilitación dunha vivenda en Peña de Francia impulsará o alugueiro para menores de 36 anos en Mondoñedo

AMariñaXa
O inmoble, situado no centro histórico, será recuperado grazas a un investimento da Xunta de Galicia de case 300.000 euros no marco do programa Rexurbe
Mondonedo-plan-rexurbe-xuno-2025
4 Jun 2025

O Concello de Mondoñedo vén de anunciar un novo proxecto de vivenda pública que beneficiará á mocidade da localidade. Trátase da rehabilitación dun edificio emprazado na rúa Peña de Francia número 4, no corazón do centro histórico, que permitirá poñer en funcionamento unha vivenda destinada a alugueiro para persoas menores de 36 anos. A intervención, financiada pola Xunta de Galicia, contará cun orzamento próximo aos 300.000 euros e enmárcase dentro do programa Rexurbe, orientado a recuperar o patrimonio residencial e dinamizar os cascos antigos das vilas galegas.

Desde o goberno local quixeron trasladar o seu agradecemento á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, polo apoio a esta actuación, que consideran “un paso máis na aposta pola revitalización urbana e o acceso á vivenda da mocidade”. O alcalde subliñou que “a colaboración institucional é fundamental para avanzar nun Mondoñedo con futuro, atractivo e con oportunidades reais para os máis novos”.

Esta iniciativa súmase a outros proxectos impulsados con fondos autonómicos, como a declaración da primeira Área Rexurbe de Galicia precisamente en Mondoñedo, os convenios asinados no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI), ou as melloras de accesibilidade na rúa Rocha de Vélez a través do Plan Hurbe.

O executivo municipal insiste en que esta liña de cooperación coa Xunta está a dar froitos visibles, tanto na recuperación do tecido residencial como na mellora da calidade de vida no casco antigo. Ao tempo, fan un chamamento para que outras administracións “asuman tamén un papel activo na transformación positiva da cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.18125796318054