A Rede Museística creará unha rede de emocións para visibilizar a saúde mental
Coinicidindo co Día Mundial da Saúde Mental, 10 de outubro, que este ano leva por lema A saúde mental, un dereito necesario. Mañá podes ser ti, a Rede Museística pon en marcha unha programación específica, que afonda no papel da arte e da creatividade como medio para identificar e aprender a xestionar emocións e como vehículo para visibilizar a importancia da sáude mental.
As actividades e obradoiros desenvolveranse nos catro museos da rede coa participación e colaboración da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña e Alume Saúde Mental.
A primeira acción desenvolverase mañá no Museo do Mar de San Cibrao coa instalación dunha rede física preparada para colgar mensaxes que reflictan emocións e sentimentos, medos e esperanzas, equilibrios e desequilibrios.
Desde a Rede Museística sinalan que “a arte e a creatividade levan consigo a capacidade de mellorar as nosas vidas, ao ser canles coas que expresar nosos pensamentos, sentimentos e vivencias. Mirar unha obra de arte implica evadirse do mundo material para dirixir a nosa mente cara ao imaxinado mais, en ocasións, a ollada dá a volta cara ao noso interior e, nese momento, buscamos unha relación entre nós e a peza, poñendo en evidencia o que sentimos ao contemplala”
En liña con esta reflexión, lembran, un estudo da Organización Mundial da Saúde (OMS) que recoñece o importante papel das artes na mellora da saúde e o benestar, tanto na prevención da enfermidade como na xestión e tratamento, e indica que ese papel se debería seguir fomentando cun compromiso artístico a todos os niveis, así como apoiando a colaboración intersectorial.
Esta programación específica reforza a colaboración continuada que a Rede Museística mantén cos colectivos que traballan na atención ás persoas que padecen estas enfermedades, promovendo a súa participación en todas as actividades expositivas, creativas e divulgativas que se organizan nos museos e ofrecendo oportunidades para a súa integración laboral a través de convenio para a realización de prácticas laborais coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia.
PROGRAMACIÓN
- UNHA REDE DE EMOCIÓNS - 10 outubro ás 11.30 horas no Museo do Mar de San Cibrao
Con motivo da conmemoración o 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental, extenderemos no Museo Provincial do Mar unha rede física, na que poderemos colgar mensaxes que reflictan as nosas emocións e sentimentos, os nosos medos e esperanzas, os nosos equilibrios e desequilibrios.
- EMOCION ARTE - 13 outubro ás 11.00 horas no Museo do Mar de San Cibrao
As persoas estamos compostas de emocións diversas, unhas sinxelas e outras complexas, unhas ben coñecidas e outras máis difíciles de recoñecer. Con esta actividade imos falar das emocións, tratando de identificalas nas coleccións dos museos da Rede Museística Provincial de Lugo e tentaremos darlles forma a través da creación artística.
- A ÁRBORE DA VIDA - 15 outubro ás 11.00 horas no Museo do Mar de San Cibrao
A saúde é como unha semente que para medrar precisa dos coidados de todxs nxs. É por iso que creamos esta árbore que nos recibirá en cada museo da Rede Museística Provincial de Lugo, na que poderemos deixar comentarios, vivencias, anotacións ou desexos relacionados coa saúde mental que sirvan de alento para outras persoas.
PROGRAMACIÓN CON ALUME
- VISITA INMERSIVA. COÑECEMOS O MUSEO
Percorridos mediados polo museo onde coñeceremos as coleccións e compartiremos as nosas impresións.
13 de outubro. Pazo de Tor - 20 de outubro. Museo do Mar - 27 de outubro. San Paio de Narla - 3 de novembro. Museo Provincial de Lugo. Todos ás 11.00 horas.
- O MUSEO TAMÉN SOA
Os museos teñen que ser espazos multisensoriais, nos que poñamos en activo todos os nosos sentidos para que as emocións e os sentimentos flúan con liberdade. Como na modalidade virtual quedamos limitadxs á vista e ao oído, imos aproveitar os sons para que os nosos sentimentos e emocións afloren.
10 novembro ás 11.00 horas no Museo Provincial do Mar
- O RURAL
Os museos da Rede Museística están estreitamente vinculados coa súa contorna. En San Paio de Narla atopamos a esencia do rural tanto na súa colección como no propio emprazamento físico do museo. Partindo disto, usaremos a colección das fotografías de Walter Ebeling para achegarnos ao campesiñado e ao mundo do rural. Traballaremos a memoria poñendo en común as nosas lembranzas e plasmándoas logo nunha creación artística.
17 de novembro ás 12.00 horas na Museo Fortaleza San Paio de Narla
- EFECTO ESPELLO
O desexo do ser humano de efixiarse ou inmortalizarse para a posteridade foi unha constante ao longo da historia: a pintura, a escultura ou a numismática son disciplinas nas que o retrato tivo especial relevancia e significado.
A invención da fotografía cambiou por completo o concepto e o formato deste tipo de representacións, ata o punto de que, na actualidade, podemos “inmortalizar” a alguén ou facer un “selfie” en calquera momento e lugar.
Esta proposta didáctica está enfocada en dar a coñecer, a través das obras expostas nos nosos museos, a historia e evolución do retrato nas diferentes artes plásticas, a intención que hai detrás deste tipo de representacións, o seu significado ou que artistas destacaron por cultivar este xénero.
Falaremos de retratos, de autorretratos e da revolución que supuxo o “selfie”, veremos a diferencia entre unha representación calculada ata o máis mínimo detalle e a inmediatez dunha fotografía tomada sen pensar, e preguntarémonos se a intención e o significado de retratarnos variou co paso do tempo ou se, pola contra, segue mantendo a mesma esencia e intencionalidade.
24 de novembro ás 11.00 horas no Museo Provincial de Lugo
- EMOCION ARTE
Os seres humanos estamos compostos de emocións diversas, sinxelas e complexas. Algunhas coñecémolas ben, outras son máis difíciles de identificar. Con esta actividade falaremos das emocións, recoñecerémolas nas obras do Museo Fortaleza San Paio de Narla e trataremos de darlles forma a través da creación artística. O resultado poderá ter formato de vídeo, colaxe ou texto, a prol de darlle visibilidade a estes procesos e que outras persoas poidan sentirse tamén representadas.
1 de decembro ás 12.00 horas Museo Fortaleza San Paio de Narla
- SENTIMOS IGUAL?
Somos persoas, somos sensibles, obxectos, sons, cheiros, cores, … espertan as nosas sensacións. Pero esas sensacións son diversas en cada ser humano. Imos comprobar cal é o collage sensorial que algunhas das pezas da colección do Museo do mar provocan en cada unha das persoas que participan nesta actividade.
8 decembro ás 11:00 no Museo Provincial do Mar
- TRAVESÍA EMOCIONAL A TRAVÉS DOS SALÓNS DO PAZO DE TOR
Nesta travesía propoñemos un primeiro percorrido polos catro grandes salóns do pazo no que daremos conta da intencionalidade orixinal que había detrás da súa disposición, dos seus mobles, obras de arte ou curiosidades.
Tratarase dun roteiro dialogado, no que se contrastará a idiosincrasia “oficial” asociada a cada salón, coa impresión persoal do público, que poderá disentir, confirmar ou enriquecer a visión histórica coas emocións que cadaquén experimente. Nas dúas seguintes sesións, afinaremos o aprendido (pois tomaremos nota de cantas impresións e ideas houbera no primeiro percorrido) centrándonos en dous salóns extremos: o Salón Norte, con retratos que nos interpelan, e o Salón de Mediodía, un espazo de lecer onde o acceso a un concerto musical denotaba a confianza dos invitados.
15 e 22 de decembro ás 11.00 horas no Pazo de Tor
- ACTIVIDADES SOBRE AS COLECCIÓNS DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
29 de decembro ás 11.00 horas no Museo Provincial de Lugo