A Real Academia Galega e a Fundación Barrié buscan a Palabra do Ano

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan á participación na elección colectiva da Palabra do Ano 2022
palabra do ano 2022
27 Nov 2022

Cal é a Palabra do Ano 2022? A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren un ano máis á participación cidadá a escolla da voz dos últimos doce meses a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan para a difusión do léxico galego. A fase de recolla de suxestións permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro e posteriormente todas as persoas que o desexen poderán participar na votación popular do martes 13 ao domingo 25 de decembro.

A campaña da Palabra do Ano busca o vocábulo que incida nalgunha cuestión especialmente destacada na conversa pública dos últimos doce meses, para ben ou para mal, que sintetice dalgún xeito como se viviron colectivamente ou que faga referencia a algún fenómeno ou preocupación emerxente, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. A escolla pode ser tamén unha maneira de sinalar arelas compartidas, pechar simbolicamente o ano e darlle a benvida ao que está a piques de comezar.

A última palabra terana as persoas que participen nesta elección popular, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do martes 13 ao domingo 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira fase. Tras as festas do Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2022.

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

0.18321490287781