Rapazada de Burela e Viveiro participa no Foro Infantil Unicef no Parlamento
Unha representación do Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela participou no XII Foro Infantil Unicef no Parlamento de Galicia. Maite, Rubén e Julia representaron ó GPA de Burela no Parlamento galego, acompañados polo concelleiro de Mocidade, Mario Pillado, a Educadora Familiar e o Técnico de Xuventude do Concello.
A voceira elixida polo grupo foi Maite, que deu un discurso centrado na inclusión e na participación infantil que foi froito da actividade de preparación levada a cabo nas últimas semanas.
A rapaza burelá interveu xunto a representantes dos grupos de vilas de toda Galicia, como foi o caso da Laracha, Viveiro, Teo, Moaña, Tui, Nigrán, O Rosal, Ponteareas, Moeche e Tomiño. Tamén participaron no acto María Montalvo Freire, presidenta de UNICEF Galicia, e representantes dos diferentes grupos parlamentarios e do Goberno galego.
"É un orgullo e unha honra ver como o traballo dos rapaces e rapazas dá os seus froitos e como son capaces de facer propostas e levar a iniciativa, dando cumprimento ós obxectivos da iniciativa Cidades Amigas da Infancia de Unicef", sinala Mario Pillado.
VIVEIRO, REPRESENTADO
O Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro tamén visitou o Parlamento, onde participou nun debate sobre as necesidades e inquedanzas tanto da infancia coma da adolescencia na sociedade galega actual.
Os mozos e mozas de Viveiro compartiron espazo e experiencias cos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, nun encontro no que se subliñou a importancia de darlle voz á mocidade na vida social e política da comunidade.
Emily, integrante do grupo de Viveiro, foi a encargada de pronunciar un discurso no que destacou a urxencia de contar cunha representación activa e real da infancia e da adolescencia nas decisións que afectan á súa vida cotiá.
"É necesario, por non dicir obrigatorio, que todos os municipios teñan un grupo de participación infantil e adolescente activo", sinalou Emily, facendo fincapé no dereito dos mozos e mozas a expresar as súas opinións e a ser escoitados, especialmente nos asuntos que afectan ás súas comunidades.
Pola súa parte, a concelleira de Xuventude de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, subliñou o compromiso do Concello coa participación xuvenil e agradeceu o apoio de UNICEF Galicia a estes espazos.
"Queremos darlle as grazas a UNICEF Galicia, ao Parlamento de Galicia e a todos os políticos e persoas que fixeron posible que estes espazos se abran aos nosos mozos e mozas, brindándolles así a oportunidade de sentirse parte da sociedade na que viven”, agradeceu a concelleira de Xuventude de Viveiro.
Para a mocidade, este foro foi unha oportunidade para reafirmar o seu papel no presente. "Sempre nos din que somos o futuro, pero en realidade tamén somos o presente, e temos moitas cousas que contar", comentou Emily, reafirmando a importancia de crear espazos que permitan á xuventude galega expresar os seus anhelos e traballar da man cos representantes políticos para atopar solucións efectivas ás súas necesidades.
“En definitiva, máis presuposto para a infancia, máis protagonismo, máis reunións coas autoridades, e sobre todo, menos adultocentrismo” concluía Emily.