A Rapa do Campo do Oso volve con forza o 29 de xuño para celebrar a súa 46ª edición

TerraChaXa | AMariñaXa
O evento contará con degustacións, música en directo e tradición ecuestre no corazón da montaña lucense
Rapa-das-Bestas-de-Campo-do-Oso-2022-1
5 Jun 2025

O Campo do Oso acollerá o vindeiro domingo 29 de xuño unha nova edición da emblemática Rapa das Bestas, organizada pola Asociación Cultural Rapa das Bestas Campo do Oso. Esta será a 46ª edición dun evento que mestura tradición, cultura popular e gastronomía, e que reunirá a centos de persoas nun ambiente festivo e familiar.

A xornada dará comezo ás 10:00 h coa saída dos xinetes para a baixada dos cabalos ao curro. Ás 11:00 iniciarase o traslado dos animais e, unha hora despois, terá lugar a tradicional rapa e marcado. A festa continuará coa sesión vermú ás 14:00 e un xantar popular ás 15:00 h, culminando cun baile de tarde a partir das 17:00. A música correrá a cargo de Verónica Cambón, encargada de poñer ritmo á celebración.

Ademais, ás 13:00 h ofrecerase unha degustación gratuíta de produtos de razas autóctonas a cargo dunha foodtruck, dentro do programa “Un gusto de rural, un rural degusto” da Deputación de Lugo. Tamén haberá xornadas de degustación de carne de poldro sen custo.

Desde a organización lembran que cada xinete será responsable dos danos que poida ocasionar el ou a súa montura. A festa conta coa colaboración da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, o Concello de Mondoñedo e outras entidades locais e empresas da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.18650197982788