A Rapa das Bestas do Campo do Oso regresa este domingo cunha edición chea de novidades

Mondoñedo será o punto de partida da tempada de rapas en Galicia este 29 de xuño coa celebración da emblemática Rapa das Bestas do Campo do Oso, que chega este ano con importantes novidades. A máis destacada é a estrea dun novo curro permanente, construído grazas á achega de 10.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que substitúe as instalacións destruídas por actos vandálicos no 2024.
O novo recinto, promovido pola Asociación Cultural Rapa das Bestas Campo do Oso, foi visitado polo deputado de Rural, Daniel García, xunto con gandeiros e representantes do Concello. A estrutura, feita con madeira tratada, conta cun perímetro de 40 metros e garante maior seguridade para participantes e animais.
A xornada comezará ás 10:00 coa saída dos xinetes aos montes da parroquia de Santa María Maior, e continuará ás 12:00 co tradicional encontro no curro, onde se procederá á corta das crinas, marcado e desparasitación dos cabalos. A festa incluirá tamén unha degustación gratuíta de hamburguesas de carne de poldro ás 13:00, unha sesión vermú, un xantar colectivo e música para amenizar a tarde.