A Rapa das Bestas do Campo do Oso abrirá a tempada galega cun curro renovado

TerraChaXa | AMariñaXa
O evento celebrarase o 29 de xuño no Campo do Oso, nun novo recinto financiado pola Deputación de Lugo tras os actos vandálicos sufridos no antigo espazo
Presentacion-rapa-bestas-campo-do-oso-2025
19 Jun 2025

A tempada de rapas en Galicia dará comezo o vindeiro 29 de xuño en Mondoñedo coa tradicional Rapa das Bestas do Campo do Oso, unha cita que este ano chega con novidades importantes. O curro no que se celebrará a rapa será completamente novo, construído grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que destinou 10.000 euros á creación deste novo recinto.

O deputado de Rural, Daniel García, visitou as instalacións acompañado das gandeiras e gandeiros responsables da organización e do concelleiro de Mondoñedo, Eloi Cabanas. O novo espazo, promovido pola Asociación Cultural Rapa das Bestas Campo do Oso, substitúe o curro anterior, que fora vandalizado no ano 2024, así como o emprazamento provisional utilizado na edición pasada. A nova estrutura conta cun perímetro de 40 metros lineais e está construída con postes de madeira tratada, garantindo maior seguridade e durabilidade.

Durante a visita, Daniel García salientou “a forza e a determinación das persoas que manteñen viva esta tradición, que non só fala dunha maneira de entender a vida no rural, senón tamén dunha relación respectuosa co territorio e cos animais”. O deputado reafirmou o compromiso da área de Vicepresidencia da Deputación co sector agrogandeiro a través de programas como O que non arde, Da Escola á Granxa e colaboracións continuas con asociacións do sector.

A xornada da rapa comezará ás 10.00 da mañá coa saída dos xinetes que irán buscar os cabalos nos montes da parroquia de Santa María Maior. Ás 12.00 horas, a actividade trasladarase ao curro, onde aloitadores e aloitadoras mediranse cos animais nun espectáculo que mestura forza, tradición e respecto pola natureza. O obxectivo da rapa, como manda a tradición, é cortar as crinas, desparasitar e marcar os cabalos que viven en liberdade nos montes.

Pero o día non será só de aloitadores. A área de Rural aproveitará a ocasión para promover a carne de cabalo de Pura Raza Galega mediante o programa gastronómico Un gusto de rural, un rural degusto, en colaboración coa Asociación de Criadores de Pura Raza de Cabalo Galego (Puraga). Desde as 13.00 horas, os asistentes poderán saborear de balde unha hamburguesa elaborada con carne de poldro, nunha actividade pensada para dar a coñecer as posibilidades culinarias desta raza autóctona.

O programa festivo completarase coa sesión vermú a partir das 14.00 horas, un xantar popular ás 15.00 e música para amenizar a tarde. Así, Mondoñedo converterase nun dos epicentros da tradición e do rural galego durante esa xornada, combinando cultura, gastronomía, historia e identidade.

⚙ Configurar cookies
0.1543231010437