A Rapa das Bestas de Neipín consolídase como cita destacada da Mariña

AMariñaXa
Centos de persoas asistiron á segunda edición do curro da Cruz do Couso, coa participación dunha vintena de aloitadores e degustación de carne de poldro
Pontenova-Rapa-das-Bestas-de-Neipin-2025
Rapa das Bestas
20 Jul 2025

O deputado de Rural da Deputación de Lugo, Daniel García, participou este sábado na segunda edición da Rapa das Bestas de Neipín, unha cita que, malia a súa recente creación, se está a consolidar como evento destacado no calendario festivo e cultural da Mariña lucense. A actividade, organizada pola Asociación Equus Norte coa colaboración da área de Rural da Deputación, congregou centos de persoas arredor do curro da Cruz do Couso, onde unha vintena de aloitadoras e aloitadores traballaron no marcaxe e corte das crinas dos cabalos.

Desde a organización destacaron “a boa resposta do público”, sinalando que esta celebración “recupera unha tradición moi vinculada á cría de gando cabalar no monte”. Pola súa parte, Daniel García puxo en valor o apoio institucional que permitiu sacar adiante esta iniciativa: “Desde o primeiro momento estivemos ao lado da Asociación Equus Norte, investindo na infraestrutura necesaria para facer posible esta rapa”, indicou.

O deputado subliñou tamén o protagonismo da mocidade nesta edición, destacando que “ver a rapazas e rapaces novos loitando cos cabalos no curro é unha mostra da vitalidade desta tradición, que reflicte un modo de vida e unha relación co territorio que forma parte do noso patrimonio”.

A celebración tivo ademais un espazo para a promoción gastronómica, coa degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega na hostalaría local durante a noite do venres, dentro do programa "Un gusto de rural, un rural degusto". Esta iniciativa permitiu poñer en valor os produtos das razas autóctonas como complemento á xornada do sábado.

Desde a área de Rural lembraron que, ademais de financiar os gastos derivados da celebración, este ano destináronse fondos á compra dun peche móbil para facilitar a retención dos animais antes da rapa, así como á colocación dun fito informativo xunto ao curro, que contribúe á divulgación desta tradición entre os visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.17917203903198