A raíz gandeira de Mondoñedo
Por Ana Somoza López.
A feira das San Lucas, a máis antiga deste tipo de citas, celebrarase do 17 ao 22 de outubro en colaboración da asociación homónima e o Concello.
As campás da catedral de Mondoñedo, acompañadas de fogos, anuncian ao mediodía do 17 de outubro o comezo das San Lucas, unha das máis importantes feiras tradicionais de Galicia, cuxa orixe se remonta a 1156, ano no que Afonso VII concedeu á vila unha festa de oito días.
A baixada dos cabalos na véspera das San Lucas abrirá o programa e 500 animais de gandeirías mindonienses baixarán dos montes próximos ata a cidade, pasando polo barrio dos Muiños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral para rematar no Campo da Feira, onde, ao día seguinte, se celebrará a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar.
Esta feira é posible gracias á Asociación As San Lucas, que naceu no ano 2012 para darlle continuidade a outra que existía, e que contaba cun nome moi similar, Asociación Cultural As San Lucas. Malia o cambio de nome por un simple formalismo seguen coa responsabilidade de organizar esta tradicional festa e “darlle continuidade a toda a xente que pasou polas distintas organizacións dende 1156, que aínda non organizaran a expedición de Cristobal Colón e xa había mindonienses organizando As San Lucas”, di Miguel Paz Sixto, presidente da asociación.
O obxectivo desta organización e que teñen moi claro é “poñer o noso gran de area para que As San Lucas sigan sendo un referente, e seguir mantendo a maxia que teñen, seguir sentindo os cabalos cada 17 de outubro”.
Actualmente a asociación está formada por Miguel, Bea, Modesto, Elena, Manu, Oriola , Gervasia, Manolo, e Miguel Paz. Pero, sen dúbida, “somos moitísima máis xente, que axuda e colabora, asi como tamén os traballadores do Concello que neses días para eles son mais traballo que festa e sen eles tampouco sería posible”.
As feiras das San Lucas son, fundamentalmente, de gando, e conta con concursos e actividades arredor deste mundo como o concurso morfolóxico, o de andadura galega, espectáculos de doma de cabalos Pura Raza Galega, espectáculo de doma nocturna na praza da Catedral e moitas actividades máis que “todas as persoas que teñan cabalos ou lles guste o mundo ecuestre deben vir a coñecer esta tradicional festa”, di Miguel.
Non faltan charangas, xogos tradicionais, verbenas e concertos todos os días, e unha feira-mostra de produtos agroalimentarios e de maquinaria. Este ano ademais haberá un monólogo de Carlos Blanco o domingo ás 19.30 no auditorio.
Este mindoniense lembra que de neno ía a feira a xantar o polbo e ir as atraccións, “moitos recordos e todos bos”. Antes contaban cunha feira-mostra e “tamén gustábame moito ir, pois había un pouco de todo, así como aos xogos para nenos. Eses días eran todo festa, e por riba sempre se celebran ao pouco de comezar a época escolar o que estaba ben pois así non daba tempo a que te castigaran por algo que fixeras mal”, lembra con agarimo Miguel.
As actividades máis importantes
O martes 18 de outubro, día de San Lucas, é cando se celebra a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar e nela pódense ver todos os cabalos que viven en semiliberdade todo o ano. Ás 13.30 será a entrega de premios Concurso de Gando e ás 16.30 horas o Concurso de Andadura Cabalo Marchador Galego.
Os días 19 e 20 haberá un espectáculo de Doma Nocturna na praza da Catedral ás 21.00 horas.
O sábado 21 comezará a xornada ás 12.00 co Concurso morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega Gran Final Copa Galicia, seguirá ás 13.00 coa xhibición de doma, e despois co Concurso morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega, apartado eguas maiores de 3 anos.
O domingo 22 ás 11.30 será o Concurso de andadura galega chapeada, ás 12.30 continuará o Concurso de andaina galega, Sub 16, e ás 16.30 comezará o Concurso de andadura galega serrada.
MÚSICA. No apartado musical, o martes 17 estarán as orquestras Aroma e Olympus, o día 18 será a quenda de Salsarena e Los Satélites, o xoves 19 amenizarán a charanga Santa Cecilia e a orquestra Kubo, o venres 20 chegará a orquestra Cinema e Pepe Benavente, o día 21 estarán Ritmo Joven e orquestra Panamá e pola noite ás 22.00 horas haberá un concerto de Xosé Manuel Budiño. O domingo 22 pechará a festa a orquestra Alkar.