A Queimada de Cervo acende a súa 47ª edición cunha homenaxe a Xosé Vizoso

AMariñaXa
O cartel da festa, por vez primeira sen a firma do artista, foi creado polo seu fillo Daniel, nun xesto cheo de simbolismo, continuidade e memoria
47-queimada-popular-cervo-2025
6 Aug 2025

O vindeiro 23 de agosto, Cervo volverá ser epicentro da maxia e do lume coa celebración da súa 47ª Queimada Popular, un evento declarado de interese turístico que mestura tradición, rituais ancestrais e creatividade gráfica. A edición deste ano será, sen dúbida, unha das máis emotivas da súa historia, xa que renderá tributo ao artista Xosé Vizoso, figura clave que durante décadas puxo imaxe á festa coa súa característica linguaxe visual.

Por vez primeira, o cartel do evento non leva a súa sinatura. Mais lonxe de representar unha ruptura, esta ausencia convértese nunha ponte entre xeracións: é o seu fillo, Daniel Vizoso, quen toma o relevo e deseña unha obra cargada de sentimento, simbolismo e continuidade. A composición, chea de figuras fantásticas, referencias ao lume e á tradición, é tanto unha homenaxe coma unha promesa de futuro. A súa creación pretende manter viva a esencia gráfica e o espírito que fixeron da Queimada unha icona cultural.

A cita comezará ás 23:00 horas na Praza do Souto, onde se recreará unha vez máis o célebre ritual da queimada, cun aquelarre cheo de lume, esconxuros e ambientación máxica. Unha celebración que busca espantar os malos espíritos e conxurar boa sorte para a comunidade.

A festa, porén, non se limita á noite. Ao longo do día, as rúas de Cervo vestirán de época co tradicional Mercado, no que veciñanza e visitantes poderán gozar de postos de artesanía, produtos locais e animación con traxes tradicionais.

⚙ Configurar cookies
0.11668705940247