A Queima do Antroido en Ribadeo celebrarase o 22 de marzo

A Queima do Antroido en Ribadeo terá lugar finalmente o 22 de marzo. O Concello e a comisión organizadora decidiron aprazar a celebración, que inicialmente estaba prevista para o pasado sábado, debido á alerta meteorolóxica por fortes ventos que afectaban á zona.
A xornada do 22 de marzo comezará ás 21:00 horas coa saída da comitiva fúnebre desde o Cantón, que será acompañada de viúvas e viúvos, así como das tradicionais charangas de Ribadeo: A Choca e Aturuxo. A Queima do Antroido, un dos momentos máis esperados do calendario festivo, terá lugar na avenida Rosalía de Castro, onde os asistentes poderán gozar dunha gran mostra de fogos artificiais e dunha monumental traca como peche final da festa.
O Concello e a comisión organizadora animan a veciños e visitantes a acudir á cita para despedir o Antroido 2025. “Agardamos que ese día o tempo nos acompañe e que poidamos gozar dun espectacular broche de ouro para esta festa tan emblemática de Ribadeo”, apuntaron.
A Queima do Antroido poñerá fin ás actividades do Antroido 2025 na vila. Este ano, as festas foron especialmente animadas, coas xiras de charangas, a Gala Chuvia de Estrelas, a festa do freixó, o gran cocido do 3 de marzo, as xornadas gastronómicas e o Desfile do Martes de Carnaval, entre outras moitas actividades na rúa que fixeron deste Antroido unha edición inesquecible.