A próxima etapa do Camiño Gastronómico do Mar será entre Cervo e Xove
O vindeiro domingo 27 de novembro celebrarase a terceira das 4 etapas do Camiño Gastronómico do Mar 2022, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.
Esta fin de semana celebrouse a segunda etapa, na que máis de 30 persoas percorreron o tramo do Camiño do Mar que une a Basílica de San Martiño, en Foz, coa Igrexa da Vila do Medio, en Burela: uns 21 km de camiñada que terminaron na praza de abastos de Burela, onde agardaba aos peregrinos unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia.
Os chefs Bruno Pena e Juan Rubiños ofreceron receitas de peixe sapo e pescada do pincho de Burela, en representación das frotas burelenses de litoral e de altura, respectivamente: "Ensaladilla de rape alangostado e salsa holandesa" e "Potaxe de temporada con Merluza do pincho de Burela e carne de porco".
Para participar na seguinte etapa do Camiño Gastronómico do Mar 2022, que durante catro fins de semana está a percorrer os oito concellos da costa lucense polos que pasa o Camiño do Mar, é necesario inscribirse antes de cada xoves na web da asociación
O domingo 27 pola mañá completarase un tramo dun 16 km do Camiño do Mar que transcorre polos concellos de Cervo e Xove, desde o paseo dos namorados, en pleno conxunto histórico-artístico de Sargadelos, ata o pavillón municipal de Xove, cunha nova degustación gastronómica de “Peixe de Burela”.
Ademais, os participantes no Camiño Gastronómico do Mar 2022 poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.
Esta campaña, que conta coa colaboración dos concellos polos que discorre a ruta e de Armadores de Burela, enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o Camiño do Mar, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.