A provincia de Lugo, presente desde todas as comarcas en Fitur
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou en Fitur o novo spot audiovisual Os sentimentos dunha viaxe, incluído na campaña de promoción turística do conxunto da provincia Lugo Cambia. Trátase da 3ª fase desta iniciativa de impulso turístico que o Goberno Provincial puxo en marcha dende hai 2 anos e que conta con 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués. O Lugo Cambia xira sobre 3 eixos: o cambio da provincia de recuncho a recuncho (2017); o cambio que produce Lugo a quen a visita (2018) e os cambios nos sentimentos e emocións que transmiten as citas lucenses máis senlleiras (2019).
Campos Conde presentou o novo vídeo promocional Provincia de Lugo: Moito por celebrar xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Alcaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
Estes novos spots, que se atopan nas redes oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer as festas, celebracións e citas gastronómicas máis singulares e únicas da provincia así como os recursos patrimoniais, naturais, culturais e históricos que rodean estes encontros festivos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes para que experimenten momentos emocionantes e inolvidables. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.
Campos Conde subliñou que “hai 2 anos, iniciabamos en Fitur a campaña Lugo Cambia coa presentación, na que é a feira turística de referencia no país, dos primeiros 5 traballos audiovisuais cos recursos turísticos dos nosos 67 Concellos, nunha clara aposta pola promoción do conxunto da nosa provincia como un destino turístico único no país. Hoxe, damos a coñecer novas iniciativas de reforzo da nosa campaña de promoción da provincia, sendo unha pequena mostra do que temos preparado para este 2019, cuxo obxectivo é conseguir que máis xente nos visite e experimente as intensas emocións que poden sentir nunha viaxe a Lugo ao deixarse envolver pola autenticidade de centos de festas, que te cambian para sempre. E facémolo coa colaboración dun coñecido lucense que presume da beleza da súa provincia, como é Martín Barreiro, embaixador de Lugo Cambia”.
Martín Barreiro explicou que “dende o primeiro momento no que me propuxeron participar neste marabilloso proxecto sentinme honrado e ilusionado. Pero non me imaxinaba naquel momento o verdadeiramente intenso da aventura. A viaxe pola provincia de Lugo, deseguido se transformou nunha viaxe polos sentimentos. Unha viaxe polos recordos, e para gran sorpresa para min, unha viaxe chea de descubrimentos, encontros festivos e intensas emocións. Este ano, somerxéndome nas festas históricas, culturais e gastronómicas desta nova campaña Lugo: Moito por celebrar experimentei novas sensacións e un xeito diferente de descubrir a miña provincia máis auténtico ao compartir momentos únicos coa miña xente, coa xente que as fai posibles, coa autenticidade dos lucenses. Os meus compañeiros de viaxe e de rodaxe, seguro que volo poden confirmar, en todas as festas tradicionais que participamos, tratáronnos como da familia. Comemos como na casa, porque xa sabedes, para comer Lugo. Porque que non vos caiba nin a máis mínima dúbida, Lugo ten verdadeiras marabillas, pero o mellor de Lugo son os lucenses que dan vida as súas festas”.
O presidente destacou que “Lugo é unha provincia única que cambia de recuncho a recuncho e que parece acoller varios mundos, pois nela podemos gozar de máis de 100 quilómetros de costa, con praias catalogadas como xoias mundiais, ou 800 quilómetros de rutas de peregrinación; Lugo posúe o maior espazo natural de Galicia: Os Ancares e O Courel. O 50% do seu territorio está recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera; son Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo, e os Camiños Norte e Primitivo; conservamos unha das maiores concentracións de románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra”.
O presidente da Deputación engadiu que “queremos compartir con todo o mundo o noso inmenso patrimonio inmaterial, cultural, gastronómico, natural, histórico...a través de celebracións diferentes, singulares e únicas para que podades desfrutar coa autenticidade e hospitalidade das nosas xentes que fan posible as súas festas. Queremos aproveitar este escenario idóneo, para convidar as persoas de todos os países que se reúnen en Fitur, a que veñan a Lugo e se deixen envolver nos centos de festas tradicionais, históricas, culturais e gastronómicas que celebramos en entornos naturais que sorprenden pola súa beleza. Porque en Lugo encontraréis lugares y momentos únicos que os cambiarán para sempre… e ese lugar non é outro que Lugo. Porque LUGO CAMBIA”.
O turismo como motor económico da provincia
A presentación deste novo material audiovisual é un paso máis no traballo do Goberno da Deputación para promover o conxunto do territorio lugués e facer do turismo un motor económico da provincia capaz de xerar emprego e riqueza. Neste senso, a campaña Lugo Cambia enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo que elaborou o Executivo. O Presidente explicou que no 2019, o Goberno da Deputación intensificará a campaña Lugo Cambia e reforzará a súa colaboración co sector turístico, desenvolvendo máis e novas iniciativas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.
Fitur é a feira turística de referencia do país, pois na pasada edición reuniu a preto de 245.000 persoas de 165 países entre profesionais, xornalistas e público en xeral, polo que se aproveitará a repercusión da cita para facer público os spots que están dispoñible en diferentes idiomas: castelán, galego, inglés, alemán, francés, italiano e portugués. Xa se poden ver nas redes oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal.
Durante a celebración de Fitur, a provincia de Lugo estará presente no stand de Turgalicia (pavillón 9) a través do que haberá contacto directo con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación, co obxectivo de transmitir os atractivos da provincia lucense.
TRABALLO DENDE A MARIÑA
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, mantivo varias xuntanzas de traballo en Fitur. Unha delas foi coa axencia Pilgrim para tentar incrementar o número de peregrinos que pasen por Barreiros e que pernocten no seu albergue. O alcalde asegura que o camiño de Santiago é un do seus obxectivos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por representantes dos concellos nos que a Semana Santa ten recoñecemento de interese turístico, e por membros das propias celebracións, salientou o crecente atractivo desta celebración en Galicia. A día de hoxe, Galicia conta xa con dúas festas recoñecidas coa máxima distinción que poden acadar no eido turístico. As de Ferrol e Viveiro son de Interese Turístico Internacional e seis máis son de Interese Turístico de Galicia: Betanzos, Cangas, o Santísimo Cristo de Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela, que o acadou o pasado ano.
Tamén o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, reuníronse co obxectivo de captar turismo para a localidade, sobre todo en tempada baixa e tamén promocionaron a sexta edición do Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo.
A concelleira de Turismo ribadense, Ana Martínez, contou que “ a delegación de Ribadeo, configurada polo Concello e por Acisa, estamos traballando en diferentes sectores do noso turismo e da economía local. Temos programadas algunhas reunións durante esta mañá, vinculadas fundamentalmente a dous sectores importantes como é o Camiño de Santiago, que nos axude un pouco a desestacionalizar e non centralizar nesa época máis estival, e tamén estamos presentando o conxunto dese Ribadeoxquesi, dese Ribadeo Indiano, do Ribadeo de praias e do Ribadeo de comercio e de compras”.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, tamén se achegou a promocionar a ampla potencialidade turística que ofrece a localidade; que conta cun dos cascos históricos máis antigos do mundo, o cal se converte no marco ideal para a celebración dunha singular Semana Santa, declarada de Interese Turístico Galego.