A provincia concentrou máis do 40% do volume das cortas solicitadas en Galicia no ano 2018
Na clausura da asemblea xeral ordinaria da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo falouse sobre os datos dos aproveitamentos madeireiros e constatouse que Lugo é unha das provincias máis activas neste sentido. De feito, no 2018 concentrou máis do 40% do volume de cortas solicitado.
Dos 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira solicitada para aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada, 3,9 millóns pertencen á provincia de Lugo a través de 28.286 declaracións responsables ou solicitudes de corta (as dúas modalidades que existen de cara aos aproveitamentos madeireiros).
Por distritos, o máis activo de toda Galicia en volume de madeira foi o número seis da Mariña, con 1,4 millóns de metros cúbicos de madeira solicitada para corta a través de 8.505 expedientes. Isto representa o 15% do volume de toda Galicia. Nesta mesma provincia séguenlle os distritos de Lugo Sarria, con 984.988 metros cúbicos e 7.024 solicitudes, e o da Terra Chá, con outros 936.387 metros cúbicos de 6.834 trámites.
No distrito da Fonsagrada Os Ancares, ao longo de 2018 tramitáronse 2.236 permisos para cortar un volume de 288.719 metros cúbicos. E, por último, en Terra de Lemos, foron 3.687 solicitudes para 252.519 metros cúbicos.
No presente exercicio na provincia de Lugo, xa acumula 13.560 solicitudes de corta para un volume de madeira superior aos 1,7 millóns de metros cúbicos. De novo, a Mariña é a zona máis activa neste ámbito con 3.614 expedientes e 573.828 metros cúbicos.