A provincia, agás a Mariña, mantén o nivel máximo de alerta por calor e por incedios

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia indica que a situación para Galicia ao longo desta fin de semana será de alerta nivel 3 para a provincia agás A Mariña
cambio climatico termometro
16 Jul 2022

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, indica que a situación para Galicia ao longo desta fin de semana será a seguinte:

  • Continuarán en nivel 3 (máximo) todas as zonas da provincia de Ourense e de Lugo, agás a zona da Mariña.
  • O resto de Galicia estará en nivel 2 por episodio de calor, agás as zonas do Oeste e suroeste da Coruña, e a zona das Rias Baixas en Pontevedra, que pasará a nivel 1.

As zonas de aviso comprenden estes concellos:

  • Centro de Lugo (Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba, Xermade) Nivel 3.
  • Montaña de Lugo (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela) Nivel 3.
  • Sur de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboada) Nivel 3.
  • Interior da Coruña (Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar) Nivel 2.
  • A Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove) Nivel 2.

INCENDIOS

Aínda que rebaixa a alerta nalgúns lugares, o perigo de incedios segue sendo moi elevado. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) alerta do risco extremo de incendios forestais e lembra ás Comunidades Autónomas, no ámbito das súas competencias, a súa deber de aplicar con carácter excepcional e de urxencia as restricións necesarias ás actividades que son de risco nun escenario de onda de calor como o que está a vivir España estas últimas semanas, para evitar o inicio de novos incendios no medio natural.

A situación meteorolóxica contribuíu á simultaneidade de grandes lumes en gran parte do territorio, así como na veciña Portugal, que tamén requiriu o apoio de medios españois.

Nestes momentos os dispositivos de loita contra os incendios forestais do conxunto das administracións competentes na materia están sometidos a un elevado nivel de #estrés.

A predición de risco de incendio da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para os próximos días responde a niveis Moi Altos-Extremos ou Moi Altos en toda a Península e as Illes Baleares, o que implica unha gran vulnerabilidade das masas forestais.

PIROTECNIA

Debido a esta alta alerta de incendios, a Consellería do Medio Rural vén de enviar circulares aos concellos galegos para lembrarlles a prohibición do uso de fogos de artificio e pirotecnia en terreos forestais ou de influencia forestal naquelas áreas nas que o índice de risco de incendios sexa extremo. Así o recolle a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Así, nas misivas remitidas aos consistorios, apélase primeiramente a ter en conta o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI), que é a expresión numérica que traduce o estado da biomasa forestal e da meteoroloxía nun momento dado, de modo que se poidan prever as condicións de inicio e propagación dun incendio. O IRDI establece, para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

Así mesmo, apúntase ao que establece a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais no seu artigo 37.1. En concreto, que en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con 48 de antelación como mínimo.

Nesa liña, no caso de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso do lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

Na misiva, apúntase que os lanzamentos de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade. Ademais, os fogos de artificio e artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos, ou ben ignifugados.

0.055729866027832