A protectora de Foz mellora as súas instalacións grazas ao apoio da Deputación de Lugo

A Protectora de Animais de Foz conta desde agora con mellores instalacións para continuar co seu labor grazas ás actuacións realizadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, visitou o recinto para comprobar de primeira man o resultado das melloras, acompañado polo responsable do BNG en Foz, Francisco Xavier Fanego.
Durante o percorrido, García destacou que as obras permiten “mellorar de xeito notable o benestar dos animais e facer máis doado o traballo das voluntarias, que realizan unha labor impagable na atención e coidado dos cans e gatos”.
As intervencións centráronse principalmente na parcela que rodea os canís, onde se habilitaron novos espazos ao aire libre con delimitacións específicas que permiten compatibilizar diferentes usos e garantir a seguridade dos animais. Ademais, pavimentouse a entrada para vehículos, ata o de agora de terra, e creouse un novo acceso peonil independente, o que facilita tanto a chegada de visitantes como as tarefas diarias de mantemento.
O deputado provincial amosouse satisfeito de ver cumpridos os compromisos adquiridos coa entidade e subliñou “a importancia de garantir a viabilidade dun servizo fundamental nunha sociedade cada vez máis sensibilizada contra o abandono animal”.
As melloras contaron cun investimento total de 33.000 euros, canalizado a través dun convenio co Concello de Foz. A Asociación Asistencial Protectora de Animais de Foz, que atende na actualidade arredor de medio cento de cans e gatos —a maioría en acollida temporal—, considera que estas actuacións supoñen “un impulso moi necesario” para continuar ofrecendo un servizo esencial e seguir fomentando a adopción responsable.