A problemática de atopar vivenda de aluguer na Mariña centra o foro de análise da FCAM en Foz
A regulación, ordenación e harmonización entre concellos e Xunta foron algunhas das propostas tratadas no foro de análise da FCAM no que se abardou a problemática para topar vivendas de aluguer na Mariña. A crecente demanda de vivendas para aluguer na comarca da Mariña, sumada ao incremento das vivendas de uso turístico (VUT), está a xerar unha situación preocupante tanto para residentes como para traballadores que se queren asentar na zona. Con máis de 2.500 vivendas destinadas ao uso turístico, o número de prazas dispoñibles supera amplamente a oferta hoteleira tradicional, provocando unha presión significativa sobre os prezos dos alugueres.
Concellos como Foz, Barreiros e Viveiro son algúns dos máis afectados pola proliferación das VUT, con 667, 524 e 462 vivendas deste tipo, respectivamente. Segundo Carmen Cruzado, presidenta da Federación de Comercio da Mariña (FCAM), esta situación está a xerar unha competencia desleal para o sector hoteleiro, xa que as normativas e os controis sobre as VUT son menos estritos que os que rexen hoteis e pensións. Ademais, Cruzado destacou a dificultade que teñen os traballadores de sectores como a hostalería, o comercio ou a sanidade para atopar vivenda durante todo o ano.
Néstor Sordo, CEO de Inmoriba, corroborou esta problemática afirmando que cada vez que se oferta un piso en aluguer, a demanda é tan alta que reciben unha media de 30 chamadas interesadas. A solución, segundo Sordo, pasa pola colaboración público-privada para facilitar o acceso á vivenda. Nesta mesma liña, Joaquín López, xerente do hotel O Cabazo, considera urxente revisar e adaptar a normativa das VUT para evitar que o seu crecemento descontrolado continúe a afectar ao mercado inmobiliario.
Fran Cajoto, alcalde de Foz, tamén insistiu na necesidade de atopar un equilibrio entre a oferta de vivenda pública e a regulación das VUT, facendo fincapé na colaboración entre a Xunta e os Concellos, así como na posible implementación dunha taxa turística. Desde a Xunta, Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo, recoñeceu que a situación non é fácil de resolver, mais destacou a importancia de traballar conxuntamente para atopar solucións que beneficien tanto aos visitantes como aos residentes. De feito, a Xunta xa iniciou 66 procesos sancionadores a VUT por incumprimentos normativos.
Tania Hermida, da Mancomunidade de Concellos da Mariña, pediu unha actuación urxente e coordinada entre as administracións para garantir un turismo sostible que teña en conta o benestar social da poboación local. O Foro no que se abordou esta problemática celebrouse no Ceniama, en Foz, e contou coa asistencia de representantes municipais, asociacións de comerciantes e outros colectivos da comarca.