A praza dos Fornos da Pontenova acolle un espectáculo de Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio
A praza dos Fornos da Pontenova convértese este domingo, día 25, a partir das 20.00 horas en escenario con catro espectáculos integrados no programa Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio. Representaranse Voo, de Ánxela Blanco, Miñaxoia, de Clara Ferrão, Intempestiva, de Elahood, e Nexos, de Cía Exire. A iniciativa busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.
Voo é unha peza de danza acrobática para a rúa, unha reflexión familiar sobre as persoas desprazadas. Está dirixida e interpretada por Ánxela Blanco, con Caterina Varela e Simone Romanó na asistencia de dirección e Víctor GG-Echave na escenografía e MR. Krah na montaxe sonora. Pola súa banda, Miñaxoia, de Clara Ferrão, está dirixida por Maximiliano Sanford e con música de Jambinai e Roger Joula.
Nexos, de Cía Exire, é un espectáculo creado e interpretado por Alba Fernández e Estefanía Gómez co asesoramento coreográfico de Chey Jurado. Desvélanos a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén no tempo. Milos Cotelo e Cía Exire deseñaron o vestiario e Artestudio Xestión Cultural asumiu a produción e distribución da peza.
Completa o programa Intempestiva, coa que Eliahood traslada ao corpo as palabras da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, dende unha ollada feminina desbordada no movemento e na danza. Julia Laport e Sabela Domínguez interpretan e asumen a coreografía do espectáculo cuxa dramaturxia é de Gena Baamonde. O espazo sonoro corre a cargo de Bruno Baw e LLXNTO.