A praza dos Campos de San Cibrao acollerá o Festival Folklórico Mistura en agosto
O Concello de Cervo convida a gozar do Festival Folklórico internacional e Infantil que se celebrará en San Cibrao, na Praza dos Campos, a primeira fin de semana de agosto da man do Grupo Folklórico Mistura, coa colaboración da Administración local.
A rexedora, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Emprego e Formación, Alfredo Fernández, presentaron a cita acompañados do Presidente e profesor do Grupo organizador, Claudio López, e doutros compañeiros de Mistura.
Así, o venres 4 terá lugar o Festival internacional que arrincará ás 19.30 horas coa participación dos grupos African Tumbas (Kenia), Otrora (Colombia), Ibarra Kaldu (Portugalete/Biscaia) e o grupo anfitrión Mistura será o encargado de poñer o broche de ouro.
Xa o domingo 6 será a quenda dos máis pequenos/as; a partir das 19.00 horas actuarán a Asociación Cultural Buxainas (Cedeira), a Agrupación Folklórica Os do 21 (O Vicedo) e rematará o Grupo Folklórico Mistura de San Ciprián