A praza do Conde Santo, de Lourenzá, conta cunha nova Vila de Nadal
Na Praza do Conde Santo, de Vilanova de Lourenzá, acaba de ser instalada unha nova Vila de Nadal elaborada artesanalmente, que conta con máis escenas e figuras que a do ano pasado. E ademais no barrio de Gracia hai unha estampa do Polo Norte para ambientar Lourenzá nestas datas.
A alcaldesa, Rocío López, anuncia que na Vila de Nadal instalada na Praza do Conde Santo “como novidades este ano incorporamos varias escenas, entre elas unha escola rural, unha lavandeira e varios oficios antigos, como un zapateiro e un ferreiro, entre outras. Tamén están presentes nesta estampa de Nadal uns músicos elaborados de figuriñas de madeira e unha muller que fai calceta na porta da súa casa”.
A rexedora municipal lembra que “xa hai uns anos que puxemos en marcha esta iniciativa e cada Nadal imos aumentando o número de figuras que forman esta instalación. Decidimos apostar por unha decoración sostible que nos permite reciclar e aproveitar os restos das podas, dos troncos e das ramas das árbores que se van cortando ó longo do ano e que nos permiten facer estas creatividades”.
Rocío López engade: “queremos que a decoración de Nadal sexa un reclamo para turistas e visitantes para que cada vez sexa máis xente a que se acerque ó noso concello a ver esta postal de Nadal. O ano pasado xa foron moitos os visitantes que pasaron pola nosa vila para sacar fotos con esta Vila de Nadal e estou segura de que nesta edición moita desa xente repetirá e achegarase para ver cales son as novidades deste ano. Pero sen dúbida os que máis disfrutan deste poboado pintoresco son os máis pequenos. Por iso pensando neles este ano tamén decidimos incorporar a figura do Apalpador e ademais unha escena con animaliños da granxa”.
A alcaldesa destaca que “detrás de todo isto están días de moito traballo que non se poderían entender sen a colaboración do persoal municipal e doutra xente que de xeito desinteresado nos axuda a preparar todas as escenas. Moitos dinnos se merece a pena tanto esforzo para mostralo só durante uns días e eu dígolles que por suposto que si. Sería máis sinxelo contratar a unha empresa externa e que nos preparasen toda a decoración, pero entón xa non sería o mesmo pois non tería o mesmo valor sentimental nin o encanto desta decoración. Se por algo destaca o Nadal de Lourenzá é por ser diferente, pola autenticidade e pola sinxeleza de cada figura e sobre todo pola dedicación e o mimo que hai detrás da súa elaboración”.
Rocío López tamén comentou que no barrio de Gracia “a decoración fixérona os veciños en colaboración co Concello, polo que agradecemos aos que levaron a cabo ese labor, especialmente @s nen@s dese barrio, para esa estampa tan bonita do polo norte que fixeron”.
A alcaldesa dá as grazas “a todas as persoas que axudaron para facer posible todo isto porque é un traballo de tod@s” e remata animando “a toda a xente da zona a achegarse a Lourenzá para disfrutar desta marabilla, que estou segura que lles vai a gustar moito e sobre todo que lles vai a sorprender o que se van atopar aquí”.