A praza de abastos de Viveiro será avaliada de cara a solicitar axudas para a súa reforma integral

AMariñaXa
Durante os próximos días, a praza de abastos de Viveiro será avaliada de cara a solicitar as axudas para a súa reforma integral.
13 Xan 2024

Durante os próximos días, a praza de abastos de Viveiro será avaliada de cara a solicitar as axudas para a súa reforma integral.

"A día de hoxe a praza é garantía de produtos de calidade e proximidade, se ben certo que non existe a variedade de postos que nos gustaría. Escoitamos as demandas dos e das praceiras e acometemos o mantemento e limpeza do día a día, pero precisamos dun proxecto reviltalizador, que garanta o seu futuro. Viveiro merece dun mercado de abastos máis acolledor, que convide a entrar, que conte con diversidade nos produtos. A praza precisa dun reinicio, e o momento para facelo é agora" afirma a concelleira nacionalista, Iria Cotelo.

A concelleira iniciou os trámites para realizar os proxectos de cara á próxima convocatoria da subvención destinada a obter o selo de Mercados Excelentes " Partimos de cero, é un proxecto ambicioso, pero necesario". Dar este paso implica maior tardanza na ocupación dos postos desertos, "é preferible redistribuír e reformar os postos antes de adxudicalos, que ofertalos nas condicións en que se atopan". Cotelo pide paciencia e confianza ás persoas praceiras, pois "trátase dun traballo que non vai ter uns resultados inmediatos, mais teremos unha praza de abastos á altura do concello de Viveiro"

A concelleira tamén quere desmentir as falsas acusacións vertidas polo PP de Viveiro nos últimos días, xa que "desde que o goberno se formou ó 31 de xullo do 2023, e o BNG leva a área de Mercados, aínda non saíu publicada ningunha convocatoria para dinamizar a praza de abastos, polo que rogaría que non enganen á veciñanza afirmando que o actual goberno non aproveita as axudas, máis cando votaron en contra dos orzamentos sabendo que así poderían poñer en risco a próxima subvención".

0.14083504676819