A Praza de Abastos de Viveiro celebrará o Día dos Mercados con música e apoio ao comercio local

AMariñaXa
O evento terá lugar o sábado 31 de maio cun programa que aposta polos produtos frescos e o dinamismo comercial
Praza-Abastos-Viveiro
30 May 2025

A Praza de Abastos de Viveiro acollerá este sábado 31 de maio pola mañá unha xornada especial con motivo do Día dos Mercados, unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia co obxectivo de revalorizar o comercio de proximidade, visibilizar o traballo das persoas praceiras e fomentar o consumo de produtos frescos e de calidade.

Durante o evento, o mercado viveirense encherase de vida coa instalación de postos de venda efémeros que ofrecerán produtos variados e de tempada. A animación correrá a cargo do grupo musical Amigos do Folk, que amenizará a mañá cun repertorio tradicional pensado para atraer tanto á veciñanza como a visitantes.

Esta iniciativa enmárcase nunha estratexia máis ampla de revitalización da Praza de Abastos que está a ser impulsada polo goberno municipal de Viveiro. A mostra disto é a recente concesión dunha subvención de 47.702,40 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. Estes fondos destinaranse á redacción do proxecto de renovación do espazo, á dirección de obra e ao desenvolvemento de actividades formativas orientadas a mellorar a competitividade do mercado.

Desde o Concello sinalan que o apoio á Praza de Abastos é unha das prioridades desta lexislatura. “Queremos que o mercado sexa un punto de encontro, un espazo vivo e atractivo, onde comprar sexa tamén unha experiencia social e cultural”, explican desde o goberno local.

⚙ Configurar cookies
0.1642951965332