A Praza de Abastos de Ribadeo énchese de vida con Gastropraza, un ciclo para reivindicar o produto local

A Praza de Abastos de Ribadeo converterase nas vindeiras semanas nun centro de dinamización gastronómica e educativa coa posta en marcha de Gastropraza, unha iniciativa que busca revitalizar este espazo comercial tradicional e reivindicar o valor dos produtos locais e da economía de proximidade.
O programa desenvolverase entre o 31 de maio e o 19 de xullo, con propostas variadas que inclúen obradoiros de cociña, sesións divulgativas e actividades escolares, pensadas para achegar a praza á veciñanza de todas as idades. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, presentou a campaña destacando que “Gastropraza chega para quedar e para darlle un novo impulso á nosa Praza de Abastos”.
“Queremos transformar este espazo nun lugar vivo, onde non só se compre, senón tamén se cociñe, se deguste e se valore o traballo das persoas que manteñen activa a praza”, sinalou o rexedor. Para Vega, a proposta tamén busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de consumir produto fresco, saudable e de proximidade.
O calendario de actividades arrinca o 31 de maio cunha sesión dedicada ao bonito do Cantábrico, onde se explicará o seu despezamento e elaboración. O 14 de xuño será a quenda das conservas artesás, mentres que o 28 de xuño a cociña vegana tomará o protagonismo. Xa no mes de xullo, o día 5, abordaranse as raíces da cociña indiana e o 16 de xullo celebrarase unha sesión centrada na nutrición e saúde alimentaria, da man do especialista Noel Pinín.
Gastropraza tamén terá unha dimensión pedagóxica, con actividades específicas dirixidas aos centros educativos de Ribadeo. Do 2 ao 6 de xuño, o alumnado do Gregorio Sanz e do Sagrado Corazón participará en visitas guiadas e obradoiros que pretenden inculcar valores de alimentación saudable e sostible. Ademais, o IES de Ribadeo tamén estará implicado, como parte da aposta municipal pola educación en consumo responsable.
O alcalde quixo remarcar que “Ribadeo é privilexiado por conservar unha praza de abastos viva, algo que noutros lugares xa se perdeu”. E engadiu: “Temos unha oportunidade para apoiar o comercio local, apostar polo que temos preto e recoñecer o labor diario de quen ofrece produtos de primeira calidade”.
Dani Vega animou á cidadanía a participar en Gastropraza e a converter a Praza de Abastos nun punto de encontro cotiá, co convencemento de que “a praza é cousa de todos”.