A praia Punta Corveira, en Barreiros, será praia canina

AMariñaXa
O Concello de Barreiros acorda a determinación da praia Punta Corveira como praia canina, habilitada durante 24 horas
1 barreiros punta corveira cans
5 Jul 2021

O Concello de Barreiros acorda a determinación da praia Punta Corveira como praia canina, habilitada durante 24 horas a totalidade de días do ano, incorporando a ela o acceso situado na parte dereita do Regato de Sarxende, que servirá como delimitación entre a zona autorizada para o acceso e estadía con animais e a Praia de Lóngara na que non está permitido o seu acceso.

"O uso desta praia por animais de compañía quedará limitado unicamente aos cans, que poderán acceder de xeito libre, é dicir, sen correa, agás no caso dos cans potencialmente perigosos que se rexerán pola normativa autonómica e, en consecuencia, deberán ir provistos de correa e boceira", engaden dende o Concello. Non obstante, as persoas posuidoras dos cans serán responsables de adoptar as medidas necesarias para evitar molestias ou riscos ao resto de persoas usuarias, así como de impedir o acceso dos animais á Praia de Lóngara e, en xeral, de traspasar o Regato de Sarxende que cumpre a función de liña divisoria. Asemade, terán a obriga de recoller e depositar nos lugares habilitados polo Concello a estes efectos as deposicións que poidan realizar os animais na zona de praia.

Tamén reiteran que a non recollida das deposición dos animais está tipificada como infracción grave no citado regulamento, e os cans deberán estar ao día nas vacinacións obrigatorias e ir provistos da cartilla sanitaria obrigatoria segundo establece o Decreto 94/2008, de 30 de abril, polo que se establece o pasaporte e cartilla sanitaria para os cans, gatos e furóns na Comunidade Autónoma de Galicia.

"A ordenanza reguladora do uso das praias do Concello de Barreiros, cuxa última modificación foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión ordinaria de data 27/11/2017, e publicada no BOP de Lugo nº 289 de 19 de decembro de 2017, establece a prohibición, con carácter xeral, de acceso de animais domésticos ás augas e zonas de baño, así como á praia e zonas sinaladas, coa salvidade de aquelas zonas que o Concello poida delimitar por Resolución da alcaldía", dispón a resolución.

Non obstante, e pese a que dende aquela data habilitouse o areal de Punta Corveira, situado entre as Praias de Lóngara e A Pasada, como praia con acceso permitido para cans, non chegou a ditarse a resolución que así o acordase.

Por outra banda, este areal, tanto polas súas pequenas dimensións como por desaparecer en marea alta e supoñer, case, unha prolongación da praia de Lóngara en marea baixa, non foi obxecto das obras de acondicionamento levadas a cabo na meirande parte das praias de Barreiros, polo que o acceso directo debe realizarse por un sendeiro natural formado a través das propias rochas do acantilado, que pode resultar dificultoso e incluso perigoso para persoas de idade avanzada ou con problemas de mobilidade. Para evitar o risco deste paso, xa na anterior tempada 2020, aceptouse o emprego da entrada lateral dereita á Praia de Lóngara para acceder a Punta Corveira, establecendo como delimitación entre a zona de paso autorizada e a Praia de Lóngara, na cal non están permitidos os animais, o denominado Regato de Sarxende.

"Considerando este feito e xa que Punta Corveira, tal e como se sinalou anteriormente, queda totalmente inutilizada en marea alta, é lóxico que ademais do acceso se permita o emprego desa zona polas persoas usuarias que vaian acompañadas de animais, especialmente tendo en conta a extensa superficie de areais cos que conta Barreiros", engadiu a alcaldesa.

0.16579699516296