A Praia do Torno renova a súa bandeira Ecoplaya para 2025 en recoñecemento á súa calidade ambiental

AMariñaXa
A alcaldesa destaca a importancia deste galardón como lembranza da responsabilidade colectiva para protexer o noso entorno natural
ecoplayas-2025-cervo
8 Mar 2025

A Praia do Torno renovou, por outra banda, a súa bandeira Ecoplaya para o ano 2025, un recoñecemento á súa calidade e excelencia turística que se outorga desde a Asociación Técnica de Xestión de Residuos e Medio Ambiente (Ategrus). Trátase da XVIII edición deste prestixioso distintivo, no que o xurado valora o “compromiso coa mellora da calidade dos nosos areais” e a súa implicación no coidado do medio ambiente.

A entrega da bandeira terá lugar este mediodía durante o acto de clausura do XXII Congreso Ecoplayas 2025, que se celebra en Castellón, e ao que viaxou a alcaldesa para recoller o distintivo. Este galardón súmase a outros recoñecementos que a praia do Torno recibe cada ano, como a bandeira azul, e que avalan a calidade dos seus servizos e o coidado do seu entorno natural.

A alcaldesa quixo agradecer publicamente “a todos os que posibilitan co seu traballo, dedicación e esforzo que consigamos ano tras ano este tipo de certificacións para a nosa praia”. Destacou que o distintivo Ecoplaya pon en valor “o noso compromiso cos areais e co medio ambiente”, á vez que se resalta o traballo continuado en favor dunha mellora constante.

Para a obtención e renovación das bandeiras Ecoplayas, téñense en conta aspectos como a limpeza intensiva do areal, a calidade das augas, os equipamentos dispoñibles, as condicións de accesibilidade ou os servizos prestados aos usuarios. No caso da Praia do Torno, o compromiso con estes parámetros é continuo, e a renovación do distintivo tamén valora a implicación no fomento do turismo sostible e na loita contra a contaminación.

“A praia non é só un espazo de esparexemento, senón tamén un ecosistema frágil que require protección e coidado”, afirmou a alcaldesa. “Este galardón é, por tanto, un recordatorio da responsabilidade que todos temos na preservación das nosas praias e do noso entorno natural. Cada pequeno xesto conta.”

⚙ Configurar cookies
0.11311817169189