A praia de Esteiro en Xove renova a súa Bandeira Azul comprometida coa sustentabilidade

A praia de Esteiro, no Concello de Xove, vén de recibir unha vez máis a prestixiosa Bandeira Azul, un símbolo que “destaca o compromiso coa calidade medioambiental, a sostenibilidade e a seguridade nas nosas costas”. Este recoñecemento impulsa a imaxe de Xove como un destino turístico e natural de referencia, “atraendo a un público que valora a sustentabilidade na xestión ambiental”.
No acto de izado da Bandeira Azul, celebrado, estiveron presentes o alcalde Demetrio Salgueiro e a concelleira de Turismo e Medio Ambiente, Cecilia Duarte. Tamén participaron no evento Nacho, xerente de Esteiro Surfing e Surf Café; Xoel, monitor de surf; e os socorristas José Ramón e Brais, “que cada ano vixían e coidan o benestar da praia e dos milleiros de visitantes que a ela acoden”.
Este é un día para celebrar un logro que “pon en valor o esforzo colectivo por manter os nosos espazos naturais en perfecto estado”. A Bandeira Azul é un distintivo internacional que recoñece praias e portos deportivos que cumpren con “rigorosos criterios de calidade” en aspectos como a limpeza, a accesibilidade e os servizos de conservación do entorno natural.
O recoñecemento non só representa un motivo de orgullo para o municipio, senón que tamén “destaca o esforzo continuo da administración local e a colaboración dos cidadáns na preservación e mellora das nosas praias”.
Ademais, no mesmo acto izouse a Bandeira do programa “Praias sen fume”, que consolida o compromiso de Xove coa saúde pública e a protección do medio ambiente. Esta iniciativa busca fomentar “espazos libres de fume en contornas naturais, especialmente nas zonas costeiras máis frecuentadas durante os meses de verán”.
A sinalización da praia como espazo sen fume ten “carácter voluntario e educativo, e non leva aparellada sancións”. O obxectivo principal é “sensibilizar á cidadanía sobre os efectos nocivos do tabaco e reducir a presenza de cabichas na area, un dos residuos máis contaminantes e difíciles de eliminar”.
Desde o Concello de Xove agradecen “o apoio de todos aqueles que fan posible que a praia de Esteiro siga sendo un referente de calidade e sustentabilidade”.