A praia de Celeiro, en Viveiro, está de novo en fase de estudo da calidade da súa auga
A praia de Celeiro está de novo no programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia da Consellería de Sanidade. A praia xa estivo nunha fase de estudo de calidade das augas entre os anos 2019 e 2022, e ao remate desa etapa a consellería ditaminou que a calidade era insuficiente polos malos resultados das analíticas realizadas.
Posteriormente, os traballos levados a cabo polo concello na EDAR de Celeiro e no emisario para unha correcta depuración das augas supuxeron unha mellora na situación, o que provocou que incluísen de novo a praia en fase de estudo durante outros catro anos.
A campaña de control sanitario das augas de baño comezou o pasado mes maio, obténdonse ata o de agora resultados favorables. Dende o concello comunicaranse estes resultados no panel da praia durante estes catro anos que dura o período de avaliación, transcorridos os cales se obterá a cualificación sanitaria das augas de baño da praia de Celeiro.