A praia da Marosa pecha con éxito o proxecto ambiental Ondas Limpas

A contorna natural da praia da Marosa acolleu este xoves a xornada final do proxecto Ondas Limpas, unha iniciativa centrada na educación e sensibilización ambiental arredor do medio mariño. A cita, ao aire libre e cun marcado carácter participativo, serviu para visibilizar o traballo desenvolvido durante os últimos meses en Burela a través de accións como o surf, a arte colaborativa e as limpezas de praia.
O acto inaugural contou coa presenza da alcaldesa de Burela, Carmela López, e do presidente do GALP A Mariña-Ortegal, Javier Martínez, que destacaron a implicación das entidades locais na posta en marcha dun proxecto que aposta por conectar ás novas xeracións co coidado do mar. Subliñaron tamén a importancia de visibilizar as oportunidades que ofrece o océano como motor de emprego dentro do marco da Economía Azul.
O encontro desenvolveuse arredor dun mural participativo que puxo cor ao paseo da Marosa. A obra, creada ao longo desta primavera por escolares e asociacións de inclusión social, foi coordinada polo Departamento Ambiental GAIA en colaboración co Burela Surf Club e os artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao. O mural, elaborado con refugallos recollidos durante as limpezas de praias, é xa visitable no paseo marítimo como símbolo do compromiso ambiental do municipio.
Ademais, o Burela Surf Club, impulsores do proxecto, lideraron unha serie de charlas ambientais con surfistas de referencia e organizaron sesións de iniciación ao surf nas que participaron máis de 50 persoas de distintas idades, convertendo a praia nun espazo de aprendizaxe e convivencia.
A xornada concluíu coa estrea do vídeo resumo do proxecto, producido por Arracada Producións, que será difundido proximamente nas redes sociais do Concello. Para pechar o evento, o alumnado do IES de Foz elaborou diversas propostas culinarias con produto pesqueiro, como homenaxe ao mar e aos logros acadados por Ondas Limpas.
O proxecto contou co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal, a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura), e tivo como obxectivo fomentar a responsabilidade ecolóxica e o respecto polo litoral mediante actividades que combinan educación ambiental, deporte e expresión artística.