A poxa do inmoble da Atalaia en San Cibrao será o xoves
O Concello de Cervo comparecerá no concurso que terá lugar este xoves 16 de decembro, no cal se celebrará a poxa do inmoble en estrutura, sen rematar, situado na zona da Atalaia, en San Ciprián.
A adquisición dos terreos que conteñen este edificio forman parte dun plan de humanizar e abrir ao mar toda a contorna do faro. Este proxecto vai na liña xeral do goberno de acabar cos feísmos paisaxísticos no municipio. Nesta actuación concreta, o obxectivo é, ademais de reparar a panorámica da zona, poñer en valor o Xacemento Arqueolóxico do Castro da Atalaia, posto que a edificación en cuestión afecta directamente a este lugar.
A parcela ten unha superficie total de 1.658,42m2, que proxectan unha estrutura construída no ano 2007, na que se pretendía albergar 42 vivendas, con garaxes e rochos, en 7 niveis diferentes.
O edificio, xunto cos terreos, saen a poxa despois dos trámites administrativos realizados desde o Concello para posibilitar esta situación. No ano 2019 iniciouse un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas por un valor total de 13.000€ e aprobouse o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia. Agora, o seguinte paso por parte da propiedade é sacar o inmoble a poxa para a súa venda.
Apunta o rexedor Alfonso Villares: “A adquisición deste edificio sería un paso máis no conxunto de actuacións que desde o equipo de goberno estamos a levar a cabo para poder acabar cos feísmos paisaxísticos dentro do noso termo municipal”. Engade que “conseguimos chegar ata esta poxa logo dos trámites administrativos realizados desde o Concello, desde o informe técnico da reposición de legalidade, ata as multas coercitivas impostas sobre o inmoble”.
Engade Villares que “a adquisición desta estrutura permitiríanos acometer labores de conservación e divulgación do xacemento do Castro da Atalaia, a través da reordenación de accesos e rúas e aumentando o espazo de desfrute público”.