A Pontenova: Ruta do Muiñeiro Namorado
En plena Reserva da Biosfera, a ruta iníciase na desembocadura do rego do Cairo no río Eo, onde se conecta con outra tamén de éxito como é a Ruta do Ferrocarril. Está composta por 2 tramos enlazados, sendo o segundo deles opcional. O primeiro camiño é lineal, duns 4,8 quilómetros de ida e volta que pode percorrerse en pouco máis de dúas horas. Trátase dun camiño bastante asumible pois presenta un desnivel moi suave e vai seguindo o carreiro paralelo ao arroio. Este vai facendo unha serie de saltos graduados debido aos numerosos banzados que se fixeron para facilitar o rego dos prados que tradicionalmente protagonizaban a zona.
Antigamente a auga tamén se aproveitaba para mover as engrenaxes de varios muíños repartidos ao longo do percorrido. Precisamente os dous máis importantes encontraranse ao final deste tramo, próximos a Figueirúa. O segundo tramo, opcional, é circular duns 3,3 quilómetros, que se poden camiñar nunha hora e cuarto e que nos achegan á aldea de Figueirúa. Neste caso debemos salvar un desnivel moito máis pronunciado. Se nos decidimos por facer tamén esta opción, na parte final, antes de conectar de novo co percorrido principal, poderemos contemplar a mina do Cairo, unha das numerosas catas que a Sociedade Mineira de Villaodrid fixo estudando a viabilidade comercial do mineral de ferro existente na zona.
A ruta recrea, como o propio nome indica, a senda que percorrían un muiñeiro e a súa namorada para compartir o seu amor que acabou en desgraza. Segundo conta a lenda, case un século atrás, no muíño que había xunto ás vías do tren, traballaba un mozo, fillo de muiñeiros e un dos que mellor dominaba o oficio. Grazas ao seu carácter e a que o seu muíño estaba á beira da vía do tren da liña Villaodrid- Ribadeo, eran moitas as persoas doutras localidades que frecuentaban o lugar, tendo ademais moito éxito entre as mozas.
Un día, achegouse unha nova rapariga de Neguri e nada máis vela o rapaz quedou prendado dela, resultando ser filla dun importante home de negocios e un dos principais investidores da Sociedade Mineira de Villaodrid. Durante os días seguintes, era frecuente ver aos dous mozos pasear ao longo do arroio do Cairo, percorrido que o propio camiño recrea case no seu estado orixinal tal e como o viviron os protagonistas.
Cando o pai da moza coñeceu a razón pola que a súa filla prolongara a súa estancia e comprobou que o mozo era un simple muiñeiro, obrigouna a regresar e prohibiulle volver visitar estas terras. Ela acabou por aproveitar as numerosas viaxes do pai para visitar ao seu amado. Finalmente, enviouna a estudar a Bos Aires e o mozo, para non perdela, decidiu embarcarse nun cargueiro. Algúns afirman que, cando estaba a unhas poucas millas do seu destino, é descuberto e para evitar ser repatriado, lánzase á auga e desaparece para sempre. Outros sosteñen que foi capaz de chegar á beira e, aínda que nunca se reencontrou coa amada, fixo fortuna producindo e exportando fariña de trigo de calidade.