A Pontenova: Ruta das Reigadas
A ruta comeza na aldea pontenovesa de Barreiros, na parroquia de Bogo, situada a uns 26 quilómetros do núcleo urbano, polo que, haberá que contar con algún medio de transporte para poder comezala.
Así, partindo do núcleo urbano da Pontenova, débese coller a estrada en dirección A Fonsagrada (LU-704), pasarase polos pobos de Vilaoudriz, Aldeguer (a partir deste punto a estrada pasa a ser provincial CP-1904), Cerdeiral, Sanxés e, a 20,8 quilómetros poderase ver o cruce coa CP-5404 onde haberá que coller dirección cara A Fonsagrada.
Sen deixar a CP-5404 percorreranse uns 4,5 quilómetros ata chegar a Zarro de Pedro. Ao chegar a ese punto, xirarase a man dereita tal e como amosa o indicador da aldea de Barreiros alí situado.
Unha vez en Barreiros, para chegar ao punto de comezo débese rodear a pequena capela deixándoa á esquerda. A uns 100 metros atoparáse un panel informativo.
Esta ruta lineal que discorre por camiños denominados “de pescadores”, atópase ubicada dentro da área de Río Eo, Oscos e Terras de Burón, declarada Reserva da Biosfera pola Unesco en 2007 e incluída dentro do LIC Carballido.
O seu percorrido discorre seguindo o curso do río Reigadas e algún dos seus numerosos afluentes coma o Bounote, adentrándose no corazón da Fraga de As Reigadas, un dos más importantes e mellor conservados montes atlánticos de Europa, no que predomina o carballo e o castiñeiro, pero no que tamén destacan pola súa rareza o olmo de monte, o teixo ou o serbal dos cazadores.
A ruta remata na antiga Ferreiría de Bogo, tamén coñecida como Ferreiría de Vilaboa, fundada no ano 1534 polo fidalgo Pedro de Miranda. Está situada á beira do río Reigadas de onde obtiña a forza hidráulica para mover os foles e o mazo, en pleno corazón da Fraga das Reigadas e de cuxa masa forestal obtiña o carbón vexetal necesario para poder reducir o mineral de ferro e moi próxima aos xacementos de ferro coñecidos como As Veneiras, de onde se comenta, extraeuse a maior parte do mineral de ferro que empregou como materia prima.
Este conxunto etnográfico abarca: un pequeno encoro cunha fervenza e a canle de alimentación para desviar a auga do río cara o banzado, a fragua con mazo e foles e unha pequena central eléctrica.
Existe documentación sobre unha ferrería máis pequena e antiga situada no mesmo lugar onde se sitúa a actual e da que non se conserva ningún vestixio. Na documentación do Catastro de Enseada, mediados do século XVIII, constan dous mazos situados no lugar de Machuco, moi próximos á ferrería de e dos cales aínda se poden observar as ruínas dun deles.