A Pontenova: ruta da Férrea

AMariñaXa
A Pontenova: ruta da Férrea. Ademais de gozar dos valores naturais e paisaxísticos da caída da fervenza, pódese ver unha panorámica do municipio
ruta ferrea pontenova 2
4 Xuño 2023

Ademais de gozar dos valores naturais e paisaxísticos da caída da fervenza, pódese ver unha panorámica do municipio.

Trátase da ruta máis curta de todas as que ten o Concello da Pontenova e conduce ata a fervenza da Férrea. b Este salto de auga atópase en plena fraga do Muradal e moi preto do casco urbano da Pontenova.

É unha ruta perfecta para escapar da calor do verán pois é un espazo natural coidado e sombrío. Nos meses máis secos a fervenza apenas é un fío de auga, mais nos invernos máis chuviosos adopta unha impoñente forma de cola de cabalo.

A erosión sobre as rochas, neste tramo son xistos e lousas, é importante e a vexetación só ocupa as marxes que nunca invade a auga.  Grazas á humidade do lugar abondan os fieitos e os brións, sendo o protagonista o bosque de ribeira cos seus ameneiros, salgueiros... Tamén atopamos algúns exemplares anciáns de especies autóctonas como carballos e castiñeiros, xa que a fervenza encrávase no cerne da fraga de Muradal.

Esta alimentada polo rego da Férrea, e ten dous saltos de auga, duns 7 ou 8 metros de altura cada un. Nela, os sendeiristas poderán deixar o coche a tan só 300 metros do segundo salto da fervenza, é dicir a parte baixa, a onde poderán acceder sen moita dificultade.

Para acceder á parte alta da fervenza, deberase cruzar a pequena ponte de madeira para salvar o rego e despois subir facendo un pequeno zigzag pola ladeira da fraga. O traxecto para acceder a esta parte alta da fervenza, aínda que é curto, é moi empinado, e durante o percorrido haberase que subir por unha escaleira de madeira para salvar as ruínas do antigo muíño do Muradoiro e así, continuar paralelos á canle pola que se desviaba a auga cara o mencionado muíño ata acadar a fervenza na súa parte máis alta.

ruta ferrea pontenova
0.11491799354553