A Pontenova recibe unha achega para a rehabilitación de inmobles
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou cos representantes municipais da Pontenova, Dozón, Curtis e Ponteareas os convenios polos que concede 1,2 millóns de euros para actuacións nestes territorios ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Deste xeito, o concello da Pontenova contará con 150.000 euros nun préstamo sen xuros que deberá ser reintegrados polo municipio nun prazo de 8 anos.
O obxectivo deste fondo é adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. E, ademais, o Goberno galego incide no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.
Cómpre lembrar que este fondo de cooperación para a rehabilitación naceu hai seis anos cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e nas convocatorias de 2017 a 2021 concedéronse préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros a un total de 23 concellos. Finánciase con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.
Ademais a través deste instrumento de financiamento a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.