A Pontenova quenta motores para a XLVI Festa da Troita

A Pontenova quenta motores para a XLVI Festa da Troita, unha cita recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego e distinguida en 2022 como Mellor Evento Deportivo de España que este ano se celebrará do 30 de abril ao 2 de maio.
A organización vén de facer público o programa completo de actividades, que incluirá concursos, concentracións de pescadores, homenaxes, verbenas e entregas de trofeos, pero que este ano terá unha ausencia destacada. O tradicional Concurso do Salmón do Eo, unha das probas máis emblemáticas desta cita, non poderá celebrarse logo da prohibición de pescar esta especie en Galicia durante a tempada de 2026.
As actividades desta edición comezarán o 30 de abril coa inauguración das novas Pedras de Honra no Paseo do Pescador, que este ano serán para José Luis Bruna, Fernando Cobo Grandín, José Luis Brandón e Ramón Méndez San Miguel. Ese mesmo día entregaranse tamén os recoñecementos do C.I.T. e as Troitas de Ouro, que serán para Eduardo Fernández, Eugenio Linares e Luis Frade Prado, e terá lugar o pregón, a cargo do artista lucense Diego As.
O venres, 1 de maio, a xornada abrirase ás 7:00 horas coa concentración de pescadores na Praza dos Fornos e continuará cos concursos de Lance e Mosca, unha exhibición de pesca e sesión vermú a cargo do grupo Suavecito. Xa pola tarde, terá lugar V Campionato de Billarda e a entrega de trofeos na Casa da Cultura. Por último, o sábado 2 de maio haberá un obradoiro de iniciación á pesca para o que haberá que anotarse previamente no teléfono 636 476 132 e, para poñer fin á festa, terá lugar unha sesión vermú e verbena a cargo de Los Magos e DJ Bombardeiro.