A Pontenova prepárase para vivir unha nova edición do BaixEo máis festivo

AMariñaXa
O descenso polo río Eo celebrarase o sábado 16 de agosto e rematará co tradicional Faragull-Eo, unha cita gastronómica con moito sabor e espírito popular
baixeo-Pontenova
29 Jul 2025

A Pontenova quenta motores para acoller unha das súas citas máis esperadas do verán: o BaixEo 2025, que terá lugar o sábado 16 de agosto, volverá converter o río Eo nun espazo de lecer, creatividade e festa. Baixo o lema "baixa como poidas", a proba non competitiva promete xornada de diversión acuática con embarcacións artesanais e moito humor.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores 13 de agosto ingresando 15 euros na conta do C.I.T. A Pontenova. A inscrición dá dereito ao transporte das embarcacións, á participación como comensal no XXIII Gran Faragull-Eo e inclúe unha camiseta conmemorativa e unha cunca de barro. O evento conta con dous puntos de saída: Piegaponte e Salmeán, e cada participante deberá indicar no momento da inscrición dende onde quere comezar.

O programa arrinca ás 10:30 da mañá coa concentración na Chousa, xunto ao Pozo da Ola. A primeira saída está prevista para as 11:00 horas dende Piegaponte e, unha hora despois, ás 12:00, dende Salmeán. O descenso rematará ás 14:00 na Chousa de Abaixo, onde se celebrará o xa tradicional Faragull-Eo, que ofrecerá unha ración de faragullos con bebida (auga, viño ou cervexa) por 8 euros.

A organización lembra que é obrigatorio o uso de chaleco salvavidas. As persoas que participen sen este elemento deberán asinar un documento de exención de responsabilidade. O obxectivo principal, insisten, é gozar do río e da súa contorna nunha actividade lúdica e segura.

Con esta nova edición, a Pontenova reafirma o seu compromiso co turismo activo, a tradición e o bo humor, facendo do BaixEo unha referencia do verán galego.

⚙ Configurar cookies
0.16511583328247