A Pontenova prepárase para vivir tres días de feira, artesanía e motor desde este venres

A Pontenova xa conta as horas para converterse, un ano máis, no epicentro do comercio tradicional, da artesanía e da paixón polo motor. Mañá, venres 5 de decembro, dará comezo a XVIII Feira de Antigüidades e Artesanía, que se celebrará de maneira conxunta coa IX Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos. Ambas propostas desenvolveranse ata o domingo 7, reunindo a artesáns, coleccionistas e afeccionados chegados de múltiples puntos de Galicia e do norte de España. O evento está organizado polo Concello coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e diversas entidades locais.
A feira abrirá ao público mañá ás 11:00 horas, cun horario ininterrompido de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, mentres que o domingo pechará ás 20:00. O recinto contará cun amplo número de expositores nos que se exhibirán pezas únicas, obxectos restaurados e produtos de artesanía galega de diferentes especialidades. Os visitantes poderán gozar tamén de demostracións en directo de oficios tradicionais como forxa de ferro, pintura, cestería de vimbio, traballos en coiro, torno de madeira, xoiería ou elaboración de lámpadas de cabaza, permitindo un achegamento real ás técnicas e materiais empregados polos profesionais.
Un dos principais atractivos desta edición será a mostra fotográfica “O legado das minas: 125 anos da S.M.V.”, unha exposición que conmemora o aniversario da Sociedad Minera de Villaodrid e que ofrece un percorrido visual pola historia mineira e ferroviaria da Pontenova. A recuperación de fotografías e lembranzas do pasado industrial do municipio pretende poñer en valor un patrimonio que marcou profundamente a evolución da comarca.
A programación completarase coa IX Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos. O sábado 6 estará dedicado aos coches clásicos, mentres que o domingo 7 tomará o relevo o encontro de motos e das emblemáticas Vespas. As actividades arrancarán ás 11:00 horas na Praza dos Fornos, onde se realizarán as inscricións e a concentración dos vehículos participantes.
A organización entregará trofeos aos vehículos máis antigos, mellor conservados, máis veteranos e chegados de máis lonxe, recoñecendo así o labor dos coleccionistas na preservación deste patrimonio automobilístico. Ademais, celebrarase unha comida de irmandade nos restaurantes San Briz e Sidrería A Mina, cun custo de 20 euros por vehículo e un vale desconto de 6 euros. As persoas interesadas poden solicitar información ou formalizar a inscrición chamando ao teléfono 689 00 80 73.
Desde o Concello da Pontenova subliñan que esta triple proposta cultural, comercial e automobilística constitúe “unha oportunidade para dinamizar a vida social e económica do municipio, poñendo en valor o seu pasado industrial, o traballo artesanal e a chegada de visitantes nunha das feiras máis consolidadas da provincia de Lugo”. O evento conta coa colaboración de establecementos como Recense, Lar da Balbina, San Briz e Clásicos Lourido, cuxo apoio contribúe a manter vivo este referente comarcal.