A Pontenova prepárase para unha nova edición da Rapa das Bestas con festa, gastronomía e tradición

AMariñaXa
O evento celebrarase o 18 e 19 de xullo con degustacións gratuítas, música en directo e unha exhibición de doma de cabalos no Alto de Neipín
rapa-das-bestas-a-pontenova
Rapa das Bestas
6 Jul 2025

A parroquia de A Pontenova volverá converterse en escenario de celebración e identidade coa segunda edición da Rapa das Bestas Equus Norte, unha cita que combina a tradición ecuestre coa gastronomía, a música e o lecer popular. O evento terá lugar os días 18 e 19 de xullo, nunha proposta impulsada pola asociación organizadora e co apoio do Concello da Pontenova, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o programa Puraga.

A programación arrinca o xoves 18 de xullo a partir das 20:00 horas cunha actividade gastronómica baixo o lema “Un gusto de rural, un rural degusto”. Trátase dunha ruta polos establecementos hostaleiros locais onde se ofrecerán mini hamburguesas gratuítas de cabalo de pura raza galega, unha carne de calidade promovida pola Asociación de Criadores Puraga. Os locais participantes son a Cafetería Casa da Cultura, O Lar de Balbina, Bar Puente, Rony Bar e Sidrería A Mina, e os asistentes que completen a ruta selando a súa tarxeta participarán nun sorteo de agasallos á medianoite no Rony Bar.

O punto álxido da celebración será o venres 19 de xullo no Alto de Neipín, cun programa que comezará ás 11:30 da mañá coa entrada dos cabalos ao curro, un dos momentos máis emocionantes da festa, onde os animais son agrupados para proceder á tradicional rapa. Ás 13:30 horas, o grupo Bombardero amenizará unha sesión vermú, ofrecendo música en directo para animar ao público presente.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar unha demostración de doma de cabalos a cargo do Club Hípico Castiñeiro, que exhibirá diferentes técnicas ecuestres nun espazo habilitado para a ocasión. Esta actividade busca poñer en valor a relación entre o home e o cabalo, destacando a habilidade e o respecto no trato cos animais.

Para os que desexen completar a xornada cun bo xantar, a Pulpería Suso ofrecerá un menú especial por 30 euros, que inclúe xamón cocido, churrasco, polbo, sobremesa e bebida. As prazas son limitadas, polo que é preciso facer reserva previa no número 633 913 203 (Noelia).

A organización lembra que cada propietario é responsable dos danos que poidan ocasionar os seus animais durante o evento. A II Rapa das Bestas Equus Norte presenta así unha oportunidade única para revivir unha tradición ancestral, ao tempo que dinamiza o medio rural con actividades abertas a toda a veciñanza e visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.18393492698669