A Pontenova prepárase para a XLV Festa da Troita con eventos deportivos, culturais e recoñecementos

A Pontenova xa quenta motores para a súa XLV Festa da Troita, que se celebrará os días 30 de abril e 1 de maio. Este evento, recoñecido como Festa de Interese Turístico e Mellor Evento Deportivo de España en 2022, destaca pola súa combinación de competicións de pesca, cultura e música.
A xornada do martes 30 de abril abrirase ás 9:00 cunha exhibición do escultor Eugenio Linares, que traballará en directo con motoserra. Ás 10:00, a Casa da Cultura acollerá unha exposición de materiais de pesca. Pola tarde, ás 19:00, inaugurarase unha nova homenaxe no Paseo do Pescador, seguida dunha visita ao Museo da Pesca. Ás 21:00, farase entrega dos recoñecementos do CIT e das prestixiosas Troitas de Ouro. O pregón estará a cargo de Miguel Ángel Revilla ás 21:30 e dará paso á apertura da caseta de degustación de troitas de "Ribeira de Piquín". A noite pecharase cunha gran verbena das orquestras Gran Parada e Grupo Beatriz.
O mércores 1 de maio comezará ás 7:00 coa concentración de pescadores na Praza dos Fornos e, ás 9:00, iniciaranse os concursos de lance, salmón e mosca. Ás 12:00, terá lugar unha exhibición de pesca a mosca a cargo de campións do mundo como Pablo Castro, Said Yahiaoui e Fran Llamas, ademais da competidora Raquel Cabeza. Ás 13:30, tras a pesaxe e clasificación dos concursos, celebrarase unha macro sesión vermú amenizada pola orquestra Salsarena. Pola tarde, ás 16:30, disputarase o IV Campionato de Billarda "Festa da Troita", antes da entrega de trofeos ás 18:00 na Casa da Cultura.
Nesta edición, entregaranse diplomas de socios de honra a Iván Bruzos Cendán "Pericas" e Luis Frade Prado "Chacho". Tamén se renderá homenaxe a pescadores destacados como Manuel Andión Abraira, José María Rigueiro Otero e Jorge Gómez Sampayo. O "Paseo do Pescador" engadirá novas "Pedras de Honra" coas inscricións de Canal "Caza y Pesca" (Movistar+), Alberto Torres Roca, Leonardo de la Fuente (Radio Marca), Antonio Pérez Hevia "Chani", Pablo Castro Pinos, Concepción García Rodil e Ángeles Yáñez Gallo.
As "Troitas de Ouro" deste ano recoñecerán a traxectoria de Río de la Vida, Said Yahiaoui Mohamed (campión do mundo), o Concurso Salmón do Ulla e a Festa da Troita de Ponte Caldelas.
A Pontenova reafirma así o seu compromiso con esta cita que fusiona a paixón pola pesca coa tradición festiva e cultural.