A Pontenova prepárase para a VIII Foliada A Chocolateira

A vila da Pontenova xa quenta motores para a VIII edición da Foliada A Chocolateira, unha cita ineludible para os amantes da música e da tradición galega. O evento, organizado pola Asociación Musical A Chocolateira, terá lugar o sábado 7 de xuño na Praza dos Fornos e arrancará a partir das 12:00 horas.
A Foliada A Chocolateira consolidouse ao longo dos anos como un referente dentro do calendario cultural da comarca, converténdose nun espazo de encontro para músicos, bailadores e público de todas as idades. A xornada estará marcada por actuacións de grupos tradicionais, acompañadas dun ambiente festivo no que a música e a danza popular serán as grandes protagonistas.
O cartel do evento, que xa circula polas redes sociais, é obra da deseñadora Rocío Chafaricas e reflicte o espírito da foliada con tons verdes e elementos gráficos que evocan a música tradicional. A organización anima a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta celebración, que busca poñer en valor o patrimonio cultural e musical galego.