A Pontenova prenderá lume á noite máxica de San Xoán con festa, tortillas e música

AMariñaXa
O Forno do Boulloso será o escenario dunha celebración con concurso gastronómico, churrasco, fogueira tradicional e actuacións musicais o 23 de xuño
san-xoan-pontenova
17 Jun 2025

A Pontenova prepárase para vivir unha das noites máis especiais do ano cunha gran festa de San Xoán que terá lugar o domingo 23 de xuño no emblemático Forno do Boulloso. A celebración, organizada polo Concello da Pontenova e o C.I.T. A Pontenova, combinará tradición, gastronomía e música para ofrecer unha noite inesquecible veciños e visitantes.

A partir das 20:30 horas arrancará o concurso de tortillas, no que calquera persoa poderá presentar a súa elaboración caseira. Un xurado popular será o encargado de escoller as tres mellores propostas, que serán premiadas con ceas para dúas persoas nos locais Lar de Balbina, San Briz e Sidrería A Mina, tres referentes da restauración na zona.

Media hora despois, ás 21:00 horas, abrirase a degustación popular, onde se poderán probar as tortillas participantes, ademais de chourizos á grella, torrezos e pan. Todo isto acompañado dun servizo de bar que estará dispoñible durante toda a noite.

A música tamén será protagonista, coa actuación da Asociación Musical A Chocolateira, que poñerá a nota tradicional á noite, seguida da festa a cargo do DJ Bombardero, que se encargará de animar a velada ata entrada a madrugada.

Non faltará tampouco a clásica fogueira de San Xoán, que prenderá simbolicamente para dar paso ao solsticio de verán e espantar os malos agoiros, seguindo unha tradición ancestral que continúa viva nas vilas galegas.

A organización convida a toda a comarca a achegarse a esta cita que mestura sabor, música e lume para celebrar como merece unha das noites máis máxicas do calendario galego.

⚙ Configurar cookies
0.16787505149841